O Tribunal Supremo rexeita o recurso da Xunta contra as paralizacións dos eólicos de Rodeira, Pico Seco e Troitomil
A Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Supremo vén de desbotar varios recursos de casación presentados pola Xunta da Galiza e as promotoras eólicas interesadas contra as paralizacións cautelares dos proxectos eólicos Troitomil, Pico Seco e Rodeira, que foron outorgadas polo TSXG a instancias da solicitude da Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza, Adega.
Esta resolución do TS, que é firme, consolida as medidas de suspensión temporal adoptadas polo Tribunal Superior de Xustiza da Galiza, impedindo o inicio da obras dos polígonos eólicos mencionados até que non medie unha sentenza xudicial que resolva os recursos contencioso-administrativos interpostos por Adega na que se avalíe a legalidade dos proxectos.
Segundo explica a asociación ecoloxista nun comunicado, ao mesmo tempo, os fallos xudiciais dos recursos interpostos contra as autorizacións administrativa previa e de construción destes tres proxectos eólicos terán que agardar tamén a que o Tribunal Europeo se pronuncie sobre a cuestión prexudicial elevada polo TSXG sobre o dereito de acceso público aos informes sectoriais antes de que se autorizasen os parques.
Argumentos escasos
O Supremo conclúe que a Xunta da Galiza e as empresas promotoras recorrentes non achegan suficiente fundamentación xurídica pola que se aprecien razóns que fagan contradicir as medidas cautelares estabelecidas polo TSXG, nin consideralas "dañinas para os intereses xerais". Nos tres casos, nega a existencia de interese casacional e avala a decisión do TSXG e a concorrencia do periculum in mora para a adopción de medidas temporais.
Para Adega, esta nova constitúe un "novo varapau para o Executivo de Alfonso Rueda", o cal aspiraba a "desbloquear a súa frustrada e nefasta política eólica no Tribunal Supremo, logo de acusar reiterada e publicamente ao TSXG de falta de independencia e xerar inseguridade xurídica no sector".
A inadmisión do TS dos recursos de casación contra a paralización cautelar dos proxectos eólicos Rodeira, Troitomil e Pico Seco contradí as teses da Xunta relativas á falta de imparcialidade do TSXG e, ao mesmo tempo, "afianza a validez das probas achegadas por Adega en relación á existencia de potenciais danos irreversíbeis ou irreparábeis para o medio ambiente en caso de que estes proxectos se leven a cabo".
Alto impacto ambiental
O proxecto eólico Rodeira, promovido por Green Capital Power S.L. nos concellos de Vila de Cruces e Lalín (Deza), nunha zona de máxima sensibilidade ambiental e moi próxima a diversos núcleos de poboación, afectaría de forma singular especies vulnerábeis (Circus pygargus, Circus cyaneus, Rhinolophus ferrumequinum, Myotis myotis) e en perigo de extinción (Milvus milvus), ademais de influír de forma moi negativa na zona de Rede Natura 2000 "Sistema Fluvial Ulla" e na contorna do BIC Mosteiro de Carboeiro. Rodeira, xunto cos parques eólicos Cunca e Mesada, defende Adega, é parte da fragmentación artificial dun único macroproxecto eólico, artellada coa finalidade de esquivar unha rigorosa avaliación ambiental.
Pola súa parte, o proxecto eólico Pico Seco, promovido por Aerogeneración Galicia S.L., prevé a súa intalación nos concellos de Lalín (Deza) e O Irixo (O Carballiño), entre varios espazos naturais protexidos de Rede Natura. A súa localización afectaría a áreas de especial interese paisaxístico e racharía a conectividade ecolóxica entre a Serra do Candán, Pena Veidosa e a Serra do Cando, asegura a entidade ecoloxista, facendo practicamente imposíbel a circulación da avifauna nesa área. Suporía, engade, "unha afección severa nos recursos hídricos dos que se abastece a poboación local". Para Adega, este proxecto tamén sería produto da fragmentación irregular dun macroproxecto eólico compartido co polígono eólico de Valdepereira, da mesma promotora.
Por último, o polígono eólico Troitomil, proxectado nos concellos de A Baña e Negreira (A Barcala) e promovido por Green Capital Power S.L., afectaría unha área na que existe unha turbeira que é hábitat natural de interese prioritario para Unión Europea e sumidoiro excepcional de gases de efecto invernadoiro. "Tería unha influencia especialmente negativa nas fontes e mananciais dos que se abastece a poboación local, unha afección que non foi avaliada no estudo de impacto ambiental". Xunto cos proxectos de Vilartoxo e Barrosino, sinala Adega, este proxecto forma parte dun macrocomplexo eólico de moitísima máis potencia, fragmentado artificiosamente, para esquivar unha adecuada e rigorosa avaliación ambiental dos impactos en conxunto.
"A decisión do TS constitúe un bo precedente para consolidar a paralización cautelar doutros proxectos eólicos que están relacionados con Rodeira, Pico Seco e Troitomil, e en xeral, para todas as paralizacións cautelares até entón conseguidas no TSXG", conclúe Adega.


