O Tribunal Supremo decide hoxe a continuidade de Ence en Pontevedra

A Lei de costas de 1988 fixa en 2018 o límite da concesión de Ence en Pontevedra. (Foto: Xaquín Soliño)
O Tribunal Supremo resolve esta terza feira o recurso de Ence contra un auto da Audiencia Nacional que declaraba ilegal o seu emprazamento na ría de Pontevedra. O seu contido adianta un novo escenario na batalla por recuperar ese espazo para uso público.

A historia de Ence en Pontevedra entrou nunha nova fase o 16 de xullo 2021. Naquela xornada, un auto da sala do contencioso administrativo da Audiencia Nacional declarou nula a prórroga concedida á pasteira en 2016 polo Goberno español en funcións de Mariano Raxoi para se manter na ría até 2073 e considerou ilegal o seu emprazamento, sinalando que a compañía debía ter abandonado a súa localización en 2018.

A resolución xudicial estaba na liña do estipulado pola lexislación de aplicación, polas declaracións dos responsábeis da Xunta da Galiza e da compañía en anos pasados e polo recollido no contrato de venda da factoría. Así, en relación ao primeiro dos supostos, a resolución da Audiencia Nacional (AN) sinalaba que “a concesión de Ence outorgada sen prazo determinado, enténdese outorgada por 30 anos desde a entrada en vigor da Lei de costas, que tivo lugar o 29 de xullo de 1988, isto é, até o 29 de xullo de 2018”.

A operación de privatización de Ence rematada en 2001 fixaba o cese de actividade na ría de Pontevedra en 2018. Así, se establecía no acordo asinado entre a SEPI (Sociedade Estatal de Participación Industrias) e os novos propietarios, un conglomerado conformado naquela altura por Caixa Galiza, Banco Zaragozano —cuxa titularidade correspondía a Alberto Alcocer e Alberto Cortina— e Bankinter. Sen ir máis lonxe, en 2007, o primeiro executivo de Ence e actual máximo accionista, Juan Luis Arregui, comezou a negociar coa Xunta o traslado da pasteira de Pontevedra.

As xestións de Arregui

As xestións de Arregui estaban en liña coa posición do Goberno galego. A este respecto, o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas no primeiro Executivo de Núñez Feixoo, Agustín Hernández, sinalaba o 9 de maio de 2012 que “a concesión de Ence remata en 2018 e ese é un feito incuestionábel para o Goberno da Xunta e tamén para a administración central”. Na mesma dirección, un ano antes, o seu compañeiro de Gabinete, Javier Guerra, responsábel de Industria e Economía afirmaba que “Ence terá que abandonar Pontevedra en 2018”.

A sala do contencioso administrativo do Tribunal Supremo resolve hoxe o recurso de casación presentado por Ence á sentenza da Audiencia Nacional de xullo de 2021. Neste sentido, os argumentos xurídicos empregados pola pasteira van na dirección de negar que a producción de celulosa sexa un uso prohibido no dominio público-marítimo terrestre e demostrar que o único emprazamento posíbel para a planta é a súa localización actual. Precisamente, sobre esta cuestión teñen adoptado posición diversas instancias xudiciais.

A Audiencia Nacional sinala no auto recorrido que “á vista da normativa vixente xa desde 1988, e a diferenza do que sucedía con anterioridade, só se pode permitir a ocupación do dominio público marítimo-terrestre para aquelas actividades ou instalacións que, pola súa natureza, non poidan ter outra localización”. Nesa dirección asume a doutrina do Tribunal Constitucional e o criterio xurídico da Avogacía do Estado, quen considera que “o Tribunal Constitucional dá por sentado que as prórrogas a concesións transitoriamente vixentes só poderán concederse cando se trate de instalacións ou actividades que, pola súa natureza, non poidan ter outra localización”.

A xurisprudencia do TS

A xurisprudencia asentada polo Tribunal Supremo (TS) sitúase nesa dirección. Así, nunha sentenza de 31 de marzo de 2017, estabelécese que só son posíbeis no dominio público terrestre, “actividades que pola súa natureza non poden situarse noutro lugar, non por razóns de interese ou conveniencia, senón pola súa vinculación co dominio público, vinculación que esixe a súa ocupación no desenvolvemento da citada actividade”.

Ence defende que o único emprazamento posíbel para a súa factoría de Pontevedra é no dominio público marítimo-terrestre; porén, trátase da única fábrica de celulosa do Estado localizada no espazo de protección de costas. A este respecto, a Audiencia Nacional discrepa que “ditas plantas pola súa natureza ou configuración, teñan que situarse no dominio público marítimo terrestre, que é o que esixe o artigo 32.1 da Lei de costas”.

A estratexia de Ence nos últimos meses pasa por situar o debate fóra do ámbito xurídico para centralo no impacto social da decisión. Neste liña, incide nos seus efectos sobre o emprego, o Produto Interior Bruto (PIB) e a cadea de valor económica da comarca. Nesa dirección, o Libro Branco de Ence, elaborado pola Asociación para a Defensa da Ría de Pontevedra, cifra en 336 as persoas ocupadas no complexo, “270 traballadores na fábrica e 96 nas oficinas centrais”.

As declaracións públicas a favor da continuidade da empresa na ría de Pontevedra sitúanse nesa liña. Precisamente, nesa dirección téñense manifestado partidos políticos como o PP, sindicatos como CCOO e UGT e organizacións patronais como a CEOE. A nova liña argumental da pasteira é para fontes do Goberno local de Pontevedra consultadas por Nós Diario unha mostra das “dúbidas” da dirección de Ence diante da sentenza do Tribunal Supremo e un recoñecemento da “debilidade” dos razoamentos xurídicos da compañía.

A única celulosa do Estado situada en zona de costas está en Pontevedra

A sentenza que promulgará hoxe o Tribunal Supremo e cuxo contido se coñecerá nos vindeiros días non fechará un conflito que se mantén aberto desde o emprazamento da pasteira en Pontevedra á volta de 1958. A este respecto, a dirección de Ence ten anunciado recursos diante do Tribunal Constitucional e do Tribunal Superior de Xustiza da Unión Europea no caso dunha auto desfavorábel do TS. Ao tempo, a voceira do Goberno de Pontevedra, Anabel Gulías, sinalou esta segunda feira o seu convencemento nunha “sentenza satisfactoria mais” adiantou a vontade do Executivo local de “continuar adiante coa batalla social e xudicial até onde faga falla no caso dunha resolución negativa”.

 O alcance do poder de Ence introduce iportantes moitas incógnitas neste conflito. Malia que a compañía non conseguiu sumar novos apoios políticos, sindicais e sociais a  súa postura nos últimos anos, a súa capacidade de influencia ficou testada nas adhesións presentadas nas últimas semanas, na liña informativa maioritaria dos medios de comunicación  e mesmo no acto organizado esta segunda feira con empresarios da comarca de Pontevedra polo presidente galego, Alfonso Rueda, quen revelou que “a Xunta da Galiza fará todo o posíbel para que pase o que pase co sentenza” a celulosa fique en Pontevedra, abrindo a porta a non aceptar unha resolución en contra dos intereses da pasteira. Precisamente, a isto tense referido en repetidas ocasións o alcalde da cidade, o nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores, indicando que “Ence está acostumada a comprar vontades".