Ence recorrerá a anulación da prórroga no Supremo

A compañía convocará os inversores a principios da vindeira semana e recorrerá a anulación da prórroga ante o Tribunal Supremo.

Planta de Ence en Pontevedra (Foto: Europa Press)
photo_camera Planta de Ence en Pontevedra (Foto: Europa Press)

Ence anunciou que "esgotará todas as vías xurídicas para defender a legalidade da prórroga" da concesión da fábrica de Pontevedra, que anulou en senllas sentenzas este 16 de xullo a Audiencia Nacional, ao admitir o recurso do Concello de Pontevedra e o de Greenpeace contra esa prórroga concedida polo Goberno de Mariano Raxoi cando estaba en funcións.

A compañía avanzou nun comunicado de prensa que recorrerá ante o Tribunal Supremo a sentenza da Audiencia Nacional que anula a prórroga, logo de que esta ditaminase que Ence desenvolve unha actividade que, pola súa natureza, pode ter unha localización distinta do seu actual emprazamento.

"Desde o respecto absoluto ás decisións da xustiza, Ence quere pór de manifesto o seu desacordo con esta decisión do tribunal, tal e como demostran estudos independentes como os da enxeñería Idom. Por iso, esgotará todas as vías xurídicas posíbeis en defensa dos seus intereses", subliña a pasteira no comunicado.

A compañía reitera a súa opinión sobre "a validez da prórroga desta concesión", asegurando que se fixo "acorde a dereito en xaneiro de 2016 mediante unha resolución do entón Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente [o comunicado obvia que o Goberno estaba en funcións] por un prazo de 50 anos, máis outros 10 adicionais vinculados a un compromiso de investimento en melloras ambientais e operativas de 71 millóns de euros".

A comapañía tamén subliña que a planta de Ence en Pontevedra "cumpre sobradamente con toda a lexislación ambiental" e engade que, "coa súa actividade, promove a utilización de celulosa, un material reciclábel, biodegradábel e substitutivo dos derivados do plástico".

No comunicado, chegan a a dicir que "a súa actividade está ademais aliñada coa transición enerxética, ao  autoabastecerse en enerxía renovábel e coa economía circular.

Comisión Nacional do Mercado de Valores

Nunha comunicación á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV), Ence informou de que a sociedade presentará, dentro do prazo legal para iso, recurso de casación ante o Tribunal Supremo.

Así mesmo, apuntou que convocará unha conference call con investidores a principios da semana próxima "a fin de dar resposta ás cuestións que se poidan suscitar con relación á información publicada.

Comentarios