O Tribunal Supremo dá a razón a Ence e avala a súa continuidade na ría de Pontevedra

Fábrica de Ence en Pontevedra. (Foto: Estevoaei)
Os xuíces invalidan as sentenzas ditadas pola Audiencia Nacional ao entender que a factoría conta con informes ambientais favorábeis.

A sección quinta da Sala do contencioso-administrativo do Tribunal Supremo vén de estimar os recursos presentados por Ence e outras entidades contra as sentenzas da Audiencia Nacional que anulaban a prórroga, aprobada en 2016 polo Goberno que entón dirixía —en funcións— Mariano Raxoi, que determinaba a continuidade da factoría na ría de Pontevedra.

En concreto, a resolución, do 20 de xaneiro de 2016, outorgaba a Ence unha prórroga de 60 anos —concluiría en 2073— da concesión de ocupación dunha franxa de dominio público marítimo-terrestre destinada á fábrica de pasta de celulosa en Pontevedra.

A Sala informou de que considera que se poden prorrogar as concesións anteriores á Lei Xeral de Costas de 1988, como é o caso, "sempre que consten informes ambientais favorábeis". No asunto analizado, remarca, "constaban informes favorábeis da Administración nesa materia".

O Supremo corrixe a Audiencia Nacional

Con esta decisión, o Supremo invalida tres sentencias previas da Audiencia Nacional, que anulou a prórroga da concesión de Costas. Estes tres fallos daban a razón, respectivamente, ao Concello de Pontevedra, a Greenpeace e á Asociación Pola Defensa dá Ría (APDR)

En concreto, o tribunal explicaba que en virtude do artigo 32.1 da Lei de Costas débese xustificar que as instalacións cuxa prórroga se acorda pola súa natureza non poden ter outra localización.

E indicaba que, de acordo coa proba pericial practicada desprendíase que a auga doce, nun determinado volume, é un recurso necesario e imprescindíbel para o proceso produtivo das plantas de pasta de papel Kraft con branqueo, como a de Ence Pontevedra, así como a proximidade a recursos hídricos (auga salgada ou doce) para a evacuación da vertedura, "pero non que ditas plantas pola súa natureza ou configuración, teñan que situarse no dominio público marítimo terrestre, que é o que esixe o artigo 32.1 da Lei de Costas".

Por tanto, engadía, poden situarse nas proximidades, pero fóra de devandito dominio costeiro, nas proximidades dos ríos ou de grandes masas de auga. Como exemplo, citaba os doutras factorías nunha situación similar.

A Xunta celebra a "boa noticia"

O vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Industria, Francisco Conde, celebrou a decisión do Tribunal Supremo. En declaracións aos medios no Parlamento antes do reinicio da sesión plenaria, Conde destacou que é "un día importante" no que se "reafirma o futuro" da fábrica e ábrese a oportunidade para seguir construíndo desde o punto de vista industrial un proxecto para a Galiza no que levan traballando moitos anos.

Desta maneira, o dirixente político sostén que, con esta decisión, a economía e o sector forestal e loxístico ven "reforzadaa" e demostra que "claramente non hai disxuntiva entre promover postos de traballo de calidade e garantir a sustentabilidade e a contorna do medio natural".

"É unha boa noticia a industria e unha boa noticia a Galiza, esta a Galiza industrial que estamos a construír", aseverou e, á pregunta de se é unha boa noticia para o medio ambiente, Francisco Conde manifestou que "Ence claramente está a cumprir con todos os parámetros desde o punto de vista ambiental e, sobre todo, está a demostrarse que é perfectamente compatible unha actividade industrial, actividade na costa e con esa protección do medio ambiente".

Celebración de Ence e Alfonso Rueda

Ence celebrou que a decisión do Tribunal Supremo "despexa a incerteza" sobre a pasteira na ría de Pontevedra, xa que poderá seguir coa concesión dos terreos até 2073. Neste contexto, o presidente da compañía, Ignacio Colmenares, promete diálogo coa sociedade, tamén cos colectivos "máis críticos" coa súa actividade, cos que planea reunirse.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, aplaude o fallo do Tribunal Supremo. "Esta é a vitoria de moitas, moitas familias que van poder seguir vivindo e traballando en Pontevedra e na Galiza", afirma."Despois de moitos meses de incerteza, os postos de traballo quedan asegurados na nosa comunidade", asegura Alfonso Rueda.

O PSOE, pola súa parte, de Pontevedra avoga por "tentar compasar e facer compatíbel" o fallo do TS coa rexeneración da ría. 

 Greenpeace lamentou, po,a súa parte, a decisión do Supremo "que permitirá Ence seguir danando a ría de Pontevedra".  Greenpeace lamenta a decisión da xustiza que avala a prórroga de 60 anos concedida á papeleira en 2016 polo Goberno en funcións de Mariano Raxoi. "Esta sentenza non permitirá que se libere o dominio público marítimo-terrestre da ría de Pontevedra dunha actividade altamente lesiva e que resulta incompatíbel coa Lei de Costas, pois podería desenvolverse en calquera outro lugar", valorou nun comunicado .

Pontón: "Esta sentenza será lembrada por inxusta e inexplicábel"

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, criticou o fallo do Tribunal Supremo que avala a permanencia de Ence na ría de Pontevedra até 2073. "Esta sentenza será lembrada por inxusta e inexplicábel", afirmou. "Sabemos que as multinacionais teñen poderes na sombra, mais non pasarán por riba da dignidade de Pontevedra e a Galiza", asegurou nunha mensaxe na súa conta oficial da rede social Twitter. "Nada nos impedirá seguir loitando para sacar Ence da ría de Pontevedra. Hoxe con máis forza que nunca", sostén.

Fernández Lores: "Isto é un fracaso do Estado de Dereito"

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, recoñece que no Goberno municipal a decisión do Tribunal Supremo provocou unha "gran sorpresa". "É un fracaso do Estado de dereito", manifestou Fernández Lores, que considera a resolución do TS "dificilmente entendíbel" para a cidadanía e demostra que Ence ten "dereito de pernada". O alcalde asegurou que "nunca deixarei de loitar por todas as vías posíbeis, por terra, mar e aire, para cumprir o soño  dos pontevedreses de ver a ría sen Ence".