Lores confía en que o Supremo ratifique que "a prórroga de ENCE é ilegal"

Preguntado polos xornalistas en relación á resolución destes recursos ao TS, Lores confiou en que o alto tribunal "veña confirmar a sentenza da Audiencia Nacional, que foi moi clara".
Miguel Anxo Fernández Lores e Ana Pontón esta quinta feira (Foto: Nós Diario).
photo_camera Miguel Anxo Fernández Lores e Ana Pontón esta quinta feira (Foto: Nós Diario).

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, dixo esta quinta feira que espera que o Tribunal Supremo (TS) ratifique o próximo mes de febreiro as sentenzas da Audiencia Nacional que declaran a nulidade da prórroga da concesión de dominio público marítimo terrestre na cal se asenta a fábrica de Ence en Lourizán.

Preguntado polos xornalistas en relación á resolución destes recursos ao TS, Lores confiou en que o alto tribunal "veña confirmar a sentenza da Audiencia Nacional, que foi moi clara".

"Foron cinco relatores de seis que dixeron que a prórroga foi ilegal", dixo o rexedor que, de non ser favorábel, avanzou que seguirá "traballando para que se vaia" da ría de Pontevedra.

No mesmo sentido pronunciouse a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que participaba co alcalde nunha rolda de prensa cando se abordou este asunto.

A líder nacionalista manifestou que "sería sorprendente" que non se ratificasen as sentenzas da Audiencia Nacional que declaran a nulidade da prórroga de Ence. "Non hai ningún motivo xurídico que avale un cambio de criterio", apuntou.

Así mesmo, Ana Pontón tamén destacou a importancia de "que as autoridades lle busquen outra localización" mentres tanto, algo "no que debería de estar a traballar a Xunta do Partido Popular".

"Que se produza o traslado canto antes"

O alcalde pontevedrés insistiu en que a fábrica, "desde o punto de vista legal, tense que marchar de aí" e engadiu que "desde a loita contra a contaminación, tamén", polo que reitera que desde este Goberno municipal defenderán "todas as vías para que o traslado se produza canto antes".

Fernández Lores indicou que o consistorio está "a traballar para mellorar a calidade de vida da cidade", algo que ve "unha absoluta incongruencia" co feito de "manter unha celulosa no espazo urbano".

Por último, Lores apuntou que "gran parte das cidades deslocalizaron as empresas que eran contaminantes", polo que argumenta que "Pontevedra ten todo o dereito do mundo tamén a deslocalizar unha empresa que provoca contaminación no ámbito da cidade".

"Non hai futuro nin progreso sen respecto polo medio ambiente", concluíu.

Comentarios