Expertos en bolsa sinalan o fechamento da fábrica de Ence en Pontevedra como o escenario máis probábel

O Tribunal Supremo informou a Ence de que o próximo día 7 de febreiro realizará a votación e a resolución con respecto aos recursos da compañía contra a anulación da súa concesión.
Fábrica de celulosa de Ence, en Pontevedra (César Arxina / Europa Press).
photo_camera Fábrica de celulosa de Ence, en Pontevedra (César Arxina / Europa Press).

Segundo trascendeu esta semana, o Tribunal Supremo informou a Ence a través dunha notificación que o próximo día 7 de febreiro realizará a votación e a resolución con respecto aos recursos de casación interpostos pola compañía contra as sentenzas da Audiencia Nacional que declararon a nulidade da prórroga da súa concesión na ría de Pontevedra até 2073 por parte do Goberno do Estado español, cando era presidido por Mariano Rajoy.

Neste contexto, o escenario máis probábel que manexan os expertos en economía financeira é que a fábrica de Ence na ría de Pontevedra teña que fechar e ser desmantelada, unha cuestión que é de suma importancia no mundo do investimento para decidir se comprar accións da compañía e a que prezo.

Os expertos de Banco Sabadell, consultados polo medio especializado Bolsamanía, aconsellan comprar o valor cun prezo obxectivo de 3,98 euros e afirman que a súa valoración "asume o fechamento -da fábrica de Ence- de Pontevedra a partir de 2023".

Consultados tamén por este medio especializado, expertos financeiros de Renta 4 sinalaron que o seu escenario máis probábel é que se ratifique a sentenza e que se produza o "fechamento definitivo da fábrica", que valoran "por baixo de cero euros". Na súa opinión, "a ratificación da sentenza suporía un castigo adicional á cotización".

Neste sentido, segundo comentaron a este medio, esperan que o Ministerio de Transición Ecolóxica fixe o prazo de fechamento definitivo "para finais de 2023" e lembran que Ence xa rexistrou en 2021 "unha deterioración contábel do activo de 148 millóns de euros e unha provisión para facer fronte aos custos estimados polo desmantelamento da fábrica por 42 millóns". Aínda que engaden que "aínda faltaría por provisionar o impacto do expediente de regulación de emprego e a cancelación de contratos".

Ence afirma que xa vendeu toda a produción do ano 2023

Precisamente neste contexto de incerteza sobre o futuro da planta de Pontevedra e sobre o impacto dunha eventual necesidade de cancelar contratos, Ence realizou esta sexta feira un comunicado sobre os seus compromisos adquiridos para a venda da súa produción.

Segundo afirma a compañía de enerxía e celulosa, esta xa tería fechados acordos de venda para distribuír o millón de toneladas de celulosa que prevé producir en 2023, unha cifra coa que alcanzaría o máximo de produción das biofábricas da empresa, informou.

O groso destes compromisos de venda terían por destino o mercado europeo, co tisú, as especialidades e o 'packaging' como os segmentos de maior peso, pois supoñen cerca de 90% das vendas contratadas, afirma a compañía.

Choque de posturas entre o BNG e o PP 

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, dixo esta quinta feira que espera que o Tribunal Supremo (TS) ratifique o próximo mes de febreiro as sentenzas da Audiencia Nacional que declaran a nulidade da prórroga da concesión de dominio público marítimo terrestre na cal se asenta a fábrica de Ence en Lourizán.

En resposta a Lores, o presidente do PP de Pontevedra, Rafa Domíguez, despositou este sábado esperanzas na continuación do funcionamento da planta de Ence na ría de Pontevedra. "O meu desexo é que todas as familias poidan manter os seus postos de traballo", dixo Domínguez.

Comentarios