O Tribunal Superior de Xustiza condena a denegación da Xunta á declaración de utilidade pública a asociación ALAS
A Consellaría de Presidente botou para atrás a solicitude sen xustificación.
A sección terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) acolle esta quinta feira o recurso interposto pola Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual da Coruña (ALAS) contra a resolución da Consellaría de Presidencia, Xustiza e Deportes que lle denegou a declaración de utilidade pública.
O devandito recoñecemento, segundo explican os maxistrados na sentenza, ten por finalidade estimular a participación da asociación “na realización do interese xeral”, e conleva “unha cualificación especial, unha declaración formal que recoñece, oficialmente, o beneficio para a colectividade dos fins perseguidos por esa asociación e as súas actividades”. Por ese motivo, indican que se considera unha medida de fomento, pois xera beneficios fiscais.
Na sentenza, relatan que ALAS solicitou a declaración o 15 de novembro de 2023, achegando memoria de actividades e contas. A entidade argumentou que a súa petición, apoiada por documentación que acreditaba as súas actividades en beneficio da comunidade LGTB+, foi rexeitada sen unha xustificación adecuada, alegando falta de motivación e arbitrariedade, ante a posíbel adopción da decisión sustentándose en motivos discriminatorios.
A Xunta, pola súa banda, defendeu que a decisión de denegarlle a solicitude baseouse nun informe desfavorábel da Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), que considerou que non acreditou suficientemente o beneficio social derivado das súas actividades, nin que teñan “un impacto real na sociedade no seu conxunto”.
O TSXG conclúe na sentenza que o informe da AEAT carece de motivación suficiente, xa que recoñece que a asociación desempeñou servizos e actividades como os que describe na memoria para, a continuación, “sen unha explicación mínima das súas razóns, negarlle que acreditase o beneficio social derivado desas actividades”.
A iso, engade que é “incongruente”, pois entende que ALAS demostrou cumprir os requisitos legais, pois desenvolve actividades “non restrinxidas a beneficiar aos seus asociados, senón abertas a calquera outro posible beneficiario”, e destaca que os seus fins estatutarios “tenden a promover o interese xeral”.
“Non hai dúbida de que esas actividades responden a un interese xeral representado, neste caso, pola promoción da formación en educación en diversidade afectiva, da saúde e mesmo da seguridade na vía pública para as persoas do colectivo LGTB+ (asociadas ou non)”, salientan os maxistrados, á vez que recordan a intervención da asociación como acusación popular no procedemento xudicial polo asasinato de Samuel Luiz, cometido en 2021 no paseo marítimo da Coruña.
A Sala asegura que o contido do informe da AEAT “confirma, cun alto nivel de probabilidade, que se emitiu sen comprobar a realidade da actividade da asociación, de costas a esa realidade e cun automatismo que ocasionaría, sen dúbida, unha decisión arbitraria”. Por iso, acolle o recurso presentado por ALAS. O fallo non é firme, pois cabe presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo.


