ALAS A Coruña, Premio Tomás Fábregas pola súa defensa dos dereitos LGBTI+
A Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual da Coruña (ALAS A Coruña) será galardoada co premio Tomás Fábregas este 16 de xullo no salón de plenos de María Pita, segundo anunciou esta segunda feira o Concello da cidade herculina.
O premio naceu co obxectivo de recoñecer unha persoa ou entidade que tivera un gran papel na defensa dos dereitos LGBTI+ e na loita pola desestigmatización da sida e o VIH. O ano pasado a gañadora foi Fina Baliñas, enfermeira xubilada que na súa carreira traballou especialmente no tratamento de persoas seropositivas, e que tamén foi galardonada pola propia asociación ALAS A Coruña co XX premio Marcela e Elisa.
O acto de entrega do Tomás Fábregas –activista coruñés falecido en 1994, símbolo da loita polo acceso universal á saúde e polos dereitos das persoas con VIH– coincidirá co aniversario da asociación, que fai 15 anos tras a súa fundación no ano 2010. ALAS A Coruña foi unha peza fundamental no caso de Samuel Luiz, rapaz asasinado na Coruña en 2021, formando parte da acusación popular durante o xuízo.
Así, a loita activa desenvolvida desde esta asociación foi o que fixo que gañase tamén o premio Pedro Zerolo pola súa traxectoria nos premios Triángulo outorgados pola asociación LGTBI+ Cogam, de Madrid.
ALAS A Coruña impulsou o Observatorio contra a LGBTIfobia, organizou centos de obradoiros en centros educativos e brindou apoio legal e psiocolóxico a milleiros de persoas. "A Coruña é hoxe un referente na defensa da diversidade e dos dereitos da comunidade LGBTI" grazas a "entidades como ALAS A Coruña", valorou esta segunda feira a alcaldesa, Inés Rei.

