Os trens volven circular por Quiroga tras un descarrilamento sen feridos por mor dun desprendemento de terra

Tren de media distancia. (Foto: Renfe)
A velocidade está limitada temporalmente a 30 km/hora

A circulación no tramo do municipio de Quiroga onde onte á noite descarrilou un tren Alvia quedou restablecida, aínda que a velocidade está limitada temporalmente a 30 quilómetros por hora.

Segundo informou Adif nas súas redes sociais, o tráfico ferroviario recuperouse após as 11 deste sábado. A circulación no tramo entre San Clodio e Freixeiro estaba interrompida desde esta sexta feira, a consecuencia do incidente rexistrado no Alvia que realizaba o traxecto entre Barcelona e Vigo.

Descarrilamento

O tren Alvia descarrilou á altura do municipio lucense de Quiroga por mor dun desprendemento de terra. Ningún dos 191 pasaxeiros que viaxaban no convoi resultou ferido.

Pasadas as 21 horas, saía da vía, segundo sinalou o 112, o primeiro eixo da primeira composición do tren. O servizo de emerxencias recibiu o aviso do descarrilamento a través de Adif.

O desprendemento de terra, tal e como confirmaron Renfe e Adif, provocou o desvío doutros trens

Os feitos sucederon entre San Clodio de Quiroga e Freixeiro, á altura do punto quilométrico 500 da N-120.

Con estes datos, o 112 requiriu a intervención do GES de Quiroga-Folgoso do Courel, das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil de Quiroga e de Ribas de Sil e dos axentes da Garda Civil, que colaboraron co persoal de seguridade de Adif no transbordo dos pasaxeiros a outro tren, procedente de Ponferrada, que levou á pasaxe até a estación de San Clodio, onde esperaban varios autobuses para levar os pasaxeiros aos seus destinos.

Desvíos e traslados en autobús

O desprendemento de terra, tal e como confirmaron Renfe e Adif, provocou o desvío doutros trens. Así, os viaxeiros do Alvia 621 que realizaba o traxecto Vigo-Barcelona ás 6.30 horas tiveron que viaxar por estrada entre Vigo e Ponferrada. Xa de Ponferrada a destino, a viaxe continuou en tren.

Tamén se viron afectados o Rexional das 6.15 horas de Ponferraa a Ourense, cuxos viaxeiros realizaron o traxecto por estrada; e o Alvia de Vigo a Barcelona das 7.42 horas, cuxos clientes tamén chegaron por estrada até Ponferrada.