Xornalismo

Como trata a prensa as informacións sobre migracións? A metade non chama "persoas" os migrantes

Os dramáticos sucesos de Melilla o pasado xuño provocaron unha forte contestación social. (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press)
O último informe da Rede Acolle saca os colores a moitos medios de comunicación pola cobertura mediática dos sucesos relacionados cos fenómenos migratorios e as persoas que os protagonizan.

Cando un ou unha xornalista escribe unha información relacionada con migrantes, o asilo ou as políticas migratorias utiliza a palabra "persoas"? Pode parecer unha obviedade, mais isto só se fai na metade das noticias, crónicas ou reportaxes que se publican nos medios de comunicación do Estado español.

Este tan rechamante como tristemente real dato é unha das principais conclusións que extrae a Rede Acolle no seu Informe de inmigracionalismo 2022, un documento que difunde anualmente e que avalía o tratamento mediático que reciben os fenómenos migratorios e as persoas que os protagonizan.

Os migrantes son persoas

Das 2.619 informacións analizadas por esta entidade —60% de medios de ámbito estatal e 40% territorial—, en até 51,5% delas non se fai referencia ás e os migrantes como "persoas", senón que, advirten, se "deshumanizan" antepondo a condición migratoria á humana.

Unha de cada cinco publicacións en prensa (19,5%), aliás, está redactada cunha linguaxe "belixerante, alarmista, metafórica ou hiperbólica", como foi o caso, por exemplo, da cobertura que recibiu por determinados medios os polémicos sucesos do pasado xuño no valo de Melilla que remataron con 37 persoas falecidas.

En 6,4% das informacións faise unha mención "inxustificada" á naciolidade das persoas que as protagonizan, sostén o informe, namentres até 4,6% delas recollen o termo "ilegal" para se referir a estas mesmas persoas cando se atopan nunha situación administrativa irregular.

Voces migrantes, voces acaladas

Outro dos aspectos nos que enfatiza este informe é o uso das fontes por parte das e dos profesionais da comunicación. Así, a inmensa maioría das informacións (71,9%) contan con fontes institucionais ou políticas, mais unicamente o 19,7% inclúe testemuñas directas de persoas migrantes, unha porcentaxe próxima ao emprego de fontes de organizacións civís e sociais (21,3%) e de fontes policiais ou militares (14,4%).

Oito de cada dez informacións non contan con voces de persoas migrantes

Destaca tamén neste apartado que só en 6,1% dos casos aparecen fontes expertas na materia, mentres en 5,5% das informacións son consultadas persoas procedentes dos movementos activistas e, finalmente, en 5,3% delas tómanse fontes procedentes doutros medios.

"Asaltos" e "invasións"

A principal temática sobre a que versan as informacións referidas á migración teñen a ver co asilo e a protección internacional (33,2%), mentres os fluxos migratorios cara ao Estado español e o resto de Europa son a segunda cuestión que máis atrae o foco mediático, en 29,1% dos casos.

E sobre este mesmo asunto incide a Rede Acolle, que lamenta o uso de conceptos como "ondada", "asalto" ou "invasión" cando unha noticia se refire á entrada de persoas migrantes no Estado, algo que, advirte, provoca a predominancia dun discurso "belixerante ou alarmista" de cara á sociedade.