Cerdedo-Cotobade

Comezan os traballos para retirar do Lérez o autobús sinistrado, chave na investigación

Estado no que quedou o autobús após o sinistro. (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press)
O obxectivo é recuperar o autobús íntegro para facilitar as pescudas, se ben a misión é complexa.

Os traballos para tratar de retirar do leito do río Lérez o autobús accidentado na noite do sábado en Cerdedo-Cotobade arrincaron na mañá desta terza feira, día no que se producirán as medicións para avaliar se o viaduto polo que se precipitou o vehículo é capaz de aguantar a carga sobre a infraestrutura que implicará levantar o vehículo desde 29 metros de altura.

Desde as 8 horas desta terza está cortado o tráfico nas inmediacións da ponte de Pedre, escenario da traxedia que acabou coa vida de sete persoas e deixou só dous sobreviventes, o condutor e mais unha pasaxeira. Unha vez concluído o operativo de busca das vítimas coa localización do cadáver dunha muller de 50 anos na mañá desta segunda feira, as tarefas céntranse agora na retirada do autobús, que permanece no leito do río nunha zona angosta do curso do Lérez.

Por iso, a principal vía para sacar o autobús accidentado, cuxa análise será chave para coñecer as causas do tráxico suceso, é empregar un guindastre para elevar o vehículo 29 metros até a ponte.

A ponte podería afundirse até 15 centímetros

Durante a mañá, os operarios e expertos vinculados ao Ministerio de Transportes instalaron ferros ao longo do viaduto para repartir a carga. A continuación, terán lugar as probas de resistencia da ponte, que podería afundirse até 15 centímetros pola forza que implica o complicado operativo.

Como explicou o delegado do Goberno, José Miñóns, a pasada segunda feira, a opción principal é recuperar o autobús de forma íntegra pero, no caso de que non sexa posíbel, non se descarta que se teña que recorrer ao seu fraccionado.

A baixada do caudal do río Lérez logo do cesamento das fortes precipitacións da última semana facilitaría que, no caso de que as probas de carga sexan satisfactorias, poida tentarse a operación de levantado esta mesma terza feira. O obxectivo é non atrasar a operación ante a previsión de que as choivas regresen esta cuarta feira á zona.

Desde a mañá da segunda, bombeiros e axentes da Garda Civil de Montaña descenderon até o autobús para realizar tarefas de preparación de cara á retirada do vehículo do río. Así, os profesionais cortaron árbores e retiraron partes da carrozaría do autobús para alixeirar o seu peso e, así mesmo, evitar que a auga se concentre no interior do habitáculo.