Cerdedo-Cotobade

A investigación sobre o accidente mortal de Cerdedo-Cotobade non exclúe ningunha hipótese

Os responsábeis do operativo non desbotan "fraccionar" o autobús para poder recuperalo do río. (Foto: Ministerio do Interior)
O operativo de rescate do peor accidente en todo o Estado desde 2016 concluíu con sete vítimas mortais.

A investigación sobre o mortal sinistro que na noitiña do 24 tivo lugar no viaduto de Pedre, na N-541 ao seu paso por Cerdedo-Cotobade, ao se precipitar ao río Lérez desde 30 metros de altura un autobús con nove ocupantes —oito pasaxeiros e o condutor—, mantén abertas todas as liñas e hipóteses. Así o apuntaban esta segunda feira desde institucións e corpos de seguridade, que se ben recoñecían que as fortes choivas e o temporal que había nese día centra as pescudas, non se desbota nada. "Facer hipóteses agora non ten ningún sentido", afirmaba Santiago Villanueva, director xeral de Emerxencias da Xunta da Galiza. 

Na mesma liña, José Miñóns, delegado do Goberno español na Galiza, manifestaba que "todas as hipóteses" sobre o accidente de autobús "están abertas", mais recoñecía as "condicións climáticas" como un dos factores que puido contribuír ao sinistro. Anunciaba, aliás, que a Garda Civil traerá un grupo especial de reconstrución de accidentes de Madrid para investigar as causas. Pola súa parte, o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, lembrou que o sábado "chovía moitísimo" no momento do sinistro e "había temporal", aínda que pediu prudencia até coñecer os resultados da investigación.

Varios días de espera

Un dos pasos chave para determinar as causas do accidente que provocou a morte de sete persoas é a recuperación do autobús sinistrado, que continúa semimergullado no río Lérez. Con todo, recuperar o vehículo non é tarefa sinxela.

Primeiro, haberá que agardar a que baixe o nivel de auga do río —"a ver se baixa para a cuarta ou quinta feira", dixo Miñóns—. Segundo, que o viaduto aguante o peso das potentes grúas necesarias para recuperar o bus. Esta mesma segunda feira empezaron as probas de carga na ponte para ver se a estrutura resiste o peso. Inicialmente, explicou a Delegación do Goberno, trabállase para recuperar o autobús  íntegro, mais non desbotan fraccionalo.

Loito e pesar

As tarefas de rescate volveron activarse na mañá desta segunda após avisar a única pasaxeira supervivente —canda o condutor do vehículo, que xa recibiu a alta hospitalaria— de que no autocarro viaxaba unha novena pasaxeira. Unha muller coa que volvían de visitar no cárcere de Monterroso as súas parellas. Apenas unhas horas despois desta alerta, o operativo atopaba o cadáver desta pasaxeira no Lérez, elevando así o número total de vítimas a sete persoas falecidas e dúas superviventes.

A consternación polo sinistro foi xeral na Galiza. Concellos como Agolada, Lalín e Nigrán decretaron loito oficial e en Cerdedo-Cotobade gardouse un minuto de silencio. As diferentes forzas políticas trasladaron o seu pésame ás familias das vítimas e a Deputación de Pontevedra anunciou que as bandeiras ondearán a media hasta tres días.

Monbús, empresa á que pertencía o vehículo, en declaracións a este xornal, sinalou que o autocarro estaba ao día en todas as inspeccións e requisitos; e defendeu a profesionalidade e experiencia do condutor.

O terceiro sinistro de autobús na Galiza con máis persoas falecidas

As sete persoas falecidas esta Noiteboa en Cerdedo-Cotobade sitúan este sinistro coma o terceiro con máis vítimas dos acontecidos na Galiza. O que rexistrou o maior número de persoas falecidas ocorreu en 1987, o 3 de xullo, cando un autobús que realizaba unha viaxe cun grupo de pensionistas precipitouse por un terraplén en Verín, causando a morte de 37 dos pasaxeiros e do condutor.

Outro accidente fatídico tivo lugar dez anos antes, en abril de 1977: un autobús escolar caeu por un barranco duns 60 metros en Vilamartín de Valdeorras, falecendo 12 escolares —todos menores de 15 anos— e o condutor. En 2001, noutro sinistro tráxico, cinco pasaxeiros perderon a vida ao se saír da estrada o bus que facía o traxecto Vigo-Bilbo entre O Carballiño e Boborás.