Traballadores de residencias de maiores privadas convocan unha folga indefinida

Protesta de familiares de usuarias e usuarios da residencia de DomusVi de Aldán, en Cangas. (Foto: Antía Pérez)
Denuncian a postura "inmovilista" da patronal, encabezada por DomusVi, para negociar o novo convenio. A folga comezará a partir do 17 de maio.

Traballadores e traballadoras das residencias de maiores privadas convocaron unha folga indefinida a partir do 17 de marzo que busca presionar á patronal para negociar un novo convenio colectivo que recolla subidas salarias e melloras en asuntos como a conciliación ou a xestión das baixas laborais.

Esta segunda feira, os principais sindicatos do sector (CIG, CC.OO. e UXT) rexistraron na sede principal da Administración autonómica en Compostela a convocatoria da folga, que se iniciará ás 22,00 horas da próxima quinta feira 17 de marzo.

A acción pretende forzar a patronal das residencias de maiores privadas (centros de día incluídos) a negociar un novo marco laboral para o sector, xa que o actual convenio está caducado desde hai dous anos e as conversas para a súa renovación están "paralizadas" pola "inacción" das empresas.

"Como non vemos saída nin alternativa, imos á folga", sinalou en declaracións aos medios Beatriz Fernández (CIG), que acusou a patronal de "torpredear" e "dilatar calquera negociación", motivo polo que os sindicatos decidiron "romper a mesa" e convocar folga.

A principal demanda dos traballadores é que se actualicen as táboas retributivas dado que o convenio en vigor "xa contemplaba salarios míseros" que, segundo denuncian, son na actualidade aínda máis baixos ante o encarecemento da vida.

Así mesmo, tamén solicitan a inclusión de medidas de concialición para un colectivo de 12.000 traballadoras na Galiza, a maioría mulleres; e que se melloren as condicións das baixas laborais, xa que, na actualidade, na Galiza carecen de características propias e están rexidas de acorde ao estabelecido polo Estatuto dos Traballadores.

DomusVi e Xunta

"Despois de todo este tempo de pandemia, deberían ter en conta o esforzo que realizamos", aseverou Beatriz Fernández, que apuntou ao grupo DomusVi, propietario dunha ampla rede de residencias privadas no país, como un dos responsábeis detrás da falta de vontade da patronal para sentar a negociar cos traballadores.

"DomusVi actúa como unha apisoadora", remarcou a responsable da CIG en Ferrolterra, que asegura que a saída de Josefina Fernández como directora da compañía non supuxo un cambio na forma de actuar da empresa e limitouse a un "lavado de cara". "Sacaron a unha persona para pór outra, pero non mudou nada", apostilou.

Os sindicatos tamén dirixen as súas queixas cara á Xunta que, como lembran, financia moitos centros da terceira idade na Galiza a través de convenios pero "fai oídos xordos" ante as peticións dos traballadores para que medie no conflito aberto coa patronal.

"As residencias son un gran negocio para os fondos de investimento e non debería ser así, debería ser un servizo público prestado da forma máis digna", remarcou Beatriz Fernández que, como mostra do "negocio" que supoñen os centros de maiores, sinalou que as compañías "cobraron a actualización das táboas salariais" pola subida do IPC mais non repercutiu nas retribucións aos traballadores.

Finalmente, cuestionada sobre o impacto da folga nos usuarios, a portavoz da CIG, que augura a fixación duns servizos mínimos "abusivos", manifestou que os traballadores actuarán con responsabilidade para que a convocatoria non teña impacto nos maiores.