Traballadoras sociais urxen recursos e unha "protección eficaz": máis acompañamento, menos burocracia

A demanda urxente de axuda social fixo aumentar a burocratización dos servizos comunitarios. (Foto: Marta Fernández / Europa Press).
Os servizos sociais comunitarios lanzan unha chamada de auxilio ás administracións. Fano a través das traballadoras sociais, que apuntan un aumento da demanda de atención e unha mingua simultánea dos recursos dispoñíbeis, unha coincidencia que ademais do esgotamento profesional provoca unha asistencia insuficiente e inadecuada.

A sobrecarga dos servizos sociais comunitarios dos concellos non é nova, pero a pandemia e o auxe da atención  telemática multiplicou a demanda por parte da cidadanía. "Ao tempo que aumentaron as necesidades das familias e as peticións de axuda non se estabeleceron novos tempos para xestionar esa demanda", explica a Nós Diario Pablo Antelo, traballador social e vogal do Colexio Oficial de Traballo Social da Galiza.

Urxe que cada sistema de protección asuma as súas propias funcións

A entidade alerta dunha alta porcentaxe de baixas laborais por cadros de estrés e outras doenzas derivadas, pola escaseza de recursos humanos e de medios suficientes para asumir a xestión de prestacións e axudas. "Non se están a cuantificar as baixas pero o esgotamento é visíbel no día a día", di Antelo.

O servizos sociais municipais constitúen o primeiro nivel da atención social comunitaria, un sistema enfocado agora mesmo á "xestión prestacional" máis que á "interacción, promoción e protección das persoas". 

Malestar social

A Covid mudou o panorama das familias, grupos e comunidades. "Moitas persoas quedaron sen traballo e sen ingresos. Iso xerou unha carga enorme de consultas e papelame". As listas de espera están disparadas, avisa o traballador social, o que ocasiona unha demora na atención á que hai que sumarlle os tempos de trámite dos expedientes. "Desde que se solicita unha Risga (Renda de inclusión social da Galiza), pode tardar en concederse, de media, de catro a seis meses". A carga de malestar para a persoa que chega xa nunha situación de extrema necesidade é moi alta, mais tamén para "as persoas da administración que poñen a cara, neste caso as traballadoras sociais".

Os cadros de persoal dos servizos sociais son insuficientes, remarca Pablo Antelo. "As baixas non sempre se cobren e, mentres, as persoas usuarias perden o seu profesional de referencia".

Pervértese a nosa función real, que sería a de acompañar a persoa e desenvolver proxectos de integración individualizados

As traballadoras sociais dos servizos comunitarios son as encargadas de realizar o diagnóstico social de cada caso que chega ás súas mans, pero cada vez máis o sistema encarreira esa función cara a xestión de axudas. "Desta maneira pervértese a nosa función real, que sería a de acompañar a persoa, desenvolver proxectos de integración individualizados, cuns obxectivos concretos a nivel familiar, laboral, formativo. Todo iso, agora mesmo, queda nun caixón, porque hai que atender a demanda máis urxente, que é que a xente teña para comer, para pagar o recibo da luz ou para evitar un desafiuzamento.

A solución, apunta Antelo, pasa por aumentar o persoal pero tamén porque "os servizos sociais nos ocupemos do que realmente é noso. E poño un exemplo. Todo o mundo dá por feito que cando unha familia perde a súa casa é traballo dos servizos sociais conseguirlle outra. Estamos asumindo o baleiro do sistema de vivenda, que non atende para nada as súas competencias nese ámbito, ao igual que o Sergas en materia de saúde mental. Urxe que cada sistema de protección asuma as súas propias funcións".