Traballadoras de Inditex manifestaranse na Coruña para "exixir salarios dignos"

Mobilización recente da CIG a prol das traballadoras de Inditex. (Foto: Nós Diario)
"Aínda que Inditex se abriu a negociar, as traballadoras consideran totalmente insuficientes as propostas de incrementos que a empresa está pondo enriba da mesa", salientan desde a CIG.

Traballadoras das tendas do grupo Inditex da Coruña convocaron unha manifestación para o próximo domingo, 6 de novembro, para "exixir condicións salariais e sociais dignas", segundo indicou esta sexta feira Confederación Intersindical Galega (CIG).

Segundo a central sindical, "as dependentas da principal multinacional do téxtil están fartas de non chegar a fin de mes e de ver como ano a ano se agrandan as diferenzas entre o que elas cobran e os soldos que perciben os traballadores doutras empresas do grupo, como os almacéns ou as fábricas".

"Propostas insuficientes"

"Aínda que Inditex se abriu a negociar, as traballadoras consideran totalmente insuficientes as propostas de incrementos que a empresa está pondo enriba da mesa", salienta o sindicato nacionalista.

Ademais, desde a CIG aproveitan para indicar que a multinacional "se nega a aplicar ás dependentas as melloras sociais das que si goza outro persoal", como as axudas por coidado familiar e para a adquisición de libros ou o bono comedor.

Manifestación pacífica

Para alén diso, manifestan que desde Inditex están "convencidos de que a maioría do persoal non apoia as nosas reivindicacións. Non cren que poidamos mostrar o noso descontento a través dunha manifestación pacífica".

Por estes motivos, as traballadoras acordaron realizar esta manifestación  na Coruña, que sairá ás 12 horas da Praza de Lugo, pasará polos Cantóns, o Obelisco, a rúa Real e baixará polo calello Agar até a Avenida da Mariña para finalizar na zona da dársena.