Un traballador da TVG presenta unha demanda por acoso pola súa "orientación sexual"

Plató da CRTVG.

O traballador da TVG Fito Ferreiro interpuxo unha demanda perante o xulgado do social número 2 de Santiago de Compostela e irá a xuízo o próximo 15 de xuño ás 13.15 horas debido á “situación de acoso” que, segundo advirten CCOO e Alas A Coruña nun comunicado de prensa, “leva sufrindo desde hai anos pola súa actividade sindical, política” e, “de forma especial pola súa orientación sexual, por ser homosexual”.

Segundo expoñen CCOO e Alas A Coruña, antes de chegar aos tribunais, Ferreiro dirixira un escrito á Dirección de Recursos Humanos do ente público e interpuxera unha denuncia previa ante a comisión de acoso da CRTVG.

“Fago pública esta situación de acoso, mobbing e LGTBIfobia para visibilizar a fustigación que sufrimos as persoas LGTBI na nosa contorna laboral. E para animar a todas as persoas que sofren acoso por LGTBIfobia no traballo a que se animen a visibilizar o seu problema”, afirma o reporteiro gráfico, que pertence ao colectivo Defende a Galega e que foi concelleiro do PSdeG na cidade da Coruña.

Unha situación que a CRTVG desmente. En declaracións a Nós Diario, o ente público expresa o seu "máximo respecto" coa orientación sexual de todas as persoas, "traballen ou non na CRTVG". "Este é un feito que estimamos está fóra de toda dúbida".

Na mesma liña, a CRTVG informa que o caso de Ferreiro foi tratado "de forma interna con todas as garantías de procedemento na Comisión de Acoso e non se atoparon motivos de discriminación de ningún tipo".

"Agora o tema segue a vía admistrativa que a CRTVG non pode facer outra cousa que respectar", conclúe o ente público, que asegura que "desde 2017 e sobre unha masa de perto de mil traballadores houbo 4 demandas por acoso laboral na CRTVG, ninguha delas alegando motivos de discriminación sexual. As resolucións das 4 demandas foron favorábeis á CRTVG".

A partir de 2005

Segundo o comunicado de prensa enviado por CCOO e Alas A Coruña, Ferreiro comezou a vivir este acoso a partir de 2005, cando se aprobou a lei de matrimonio igualitario. “Eu levaba no activismo LGTBI desde 1998, pero foi ese ano cando dei un salto como activista, pasando a ser entrevistado por medios” de comunicación, explica.

Xusto nese momento, asegura, a TVG deixa de envialo a facer reportaxes, viaxes e eventos especiais, algo que facía con asiduidade até entón, e destínano no Telexornal mediodía, con horario de 7.30 a 15 horas. Ademais, a partir dese momento, advirte, asígnanlle só "noticias secundarias, que ían desde o número 27 cara a abaixo na escaleta dos informativos".

Tamén, segundo o afectado, desde ese ano 2005 deixaron de encargarlle substitucións por enfermidade e vacacións na delegación da Coruña da TVG, uns traballos que viña realizando desde finais dos 90, revela. A isto engádese, segundo o comunicado de CCOO e Alas A Coruña, que Ferreiro tramitou varias peticións de traslado urxente á delegación coruñesa nos últimos anos para poder coidar o seu pai, cunha dependencia do 69%, sen resposta.

Mentres tanto, salienta, oito reporteiros gráficos foron asignados a esta delegación en comisión de servizo e outros compañeiros realizan substitucións de forma habitual. Tamén existe persoal contratado no seu mesmo posto de traballo.

"Pódese dicir que cortaron a miña carreira profesional", afirma o afectado

“A miña orientación sexual limitou as miñas oportunidades laborais e fixo que me estancara profesionalmente; pódese dicir que cortaron a miña carreira profesional”, denuncia no comunicado Ferreiro.

Ana G. Fernández, presidenta de Alas A Coruña, organización da que Ferreiro forma parte, lembra que “cando falamos de non discriminación no ámbito laboral estamos a falar tamén de dereitos humanos” e que “a orientación sexual non debería ser un condicionante nin para ben, nin para mal, para o desenvolvemento profesional da persoa”.

Da mesma maneira, Mary Rodríguez, de CCOO FSC, asegura que “non imos permitir que se menoscaben os dereitos de ningunha persoa nin a discriminación, o acoso, o rexeitamento directo ou indirecto nin a violencia para as persoas LGTBI, especialmente no ámbito laboral”.