Tomiño e Vila Nova de Cerveira terán o primeiro parque transfronteirizo da Eurorrexión

Presentación do proxecto (Nós Diario)
A actuación conta co apoio expreso da Xunta e da ministra de Coesão de Portugal, que asegurou "é un proxecto prioritario magnífico que ten que ser realidade antes incluso que o tren de alta velocidade".

Galiza e Portugal dan un paso máis para tecer inercias sociais. A idea agora é crear un espazo de lecer conxunto que estará situado onde máis próximas están as beiras do rio Miño no seu último treito, diante da Fortaleza de Goián e do Parque do Castelinho, nos municipios de Vila Nova de Cerveira e Tomiño. O proxecto contempla unha 'euro-área' de 25,6 hectáreas unida por unha nova ponte peonil e ciclista que permitirá un espazo común público, urbano e de lecer que se constituirá no único parque transfronteirizo da Eurorrexión e dos maiores de toda a Europa.

O proxecto presentouse este sábado oficialmente coa participación de diferentes autoridades de ambas beiras do Miño así como as persoas integrantes do xurado do concurso de ideas da ponte peonil, e de entidades sociais e económicas do Concello de Tomiño.

Uxío Benítez, deputado de Cooperación Transfronteiriza, explicou que o Parque da Amizade responde "á vontade de dous concellos de trazar unha axenda estratéxica común, de crear un verdadeiro espazo público europeo e de consolidalo a través dunha unión peonil e ciclable. Un espazo común que aínda hoxe sen unión física está a ser trazado de xeito cohesionado e complementario".

En relación aos servizos que se darán no novo espazo, o nacionalista subliñou que os concellos de Tomiño e Cerveira traballarán para darlle un novo pulo completando os equipamentos actuais cun novo parque botánico e unha zona de glamping, así como con piscinas, campos de xogo e incluso un novo museu, co fin de facer o parque aínda máis atractivo.

A proposta conta cunha moi boa comunicación para o seu acceso desde outras vilas e cidades. Benítez lembrou que está unido coa estación de trens de Cerveira, desde o que é fácil conectar o Alto Miño e o Baixo Miño galego, Porto-Vigo, mais tamén percorrer un "Anel Verde transfronteirizo", con máis de 400 quilómetros de vías naturais existentes nas dúas marxes, e gozar do máis recente proxecto de repartición de bicicletas eléctricas entre as tres Eurocidades do río Miño. "Este é un claro exemplo do slogan de atracción turístico de "dous países, un territorio", subliñou.

Irmandade entre Tomiño e Cerveira

A alcaldesa de Tomiño e o alcalde de Cerveira tamén subliñaron o traballo histórico conxunto e as fondas relacións sociais entre ambas as beiras. "Hoxe colocamos un fito importantísimo para afondar na irmandade dos nosos pobos, contribuíndo a desfronteirizar a vella Europa para xerar un espazo común , un parque único e continuo enclavado nunha vella fronteira. Queremos consolidar unha gran 'zona franca social'", asegurou Sandra González, quen fixo un chamamento ás maquinarias dos gobernos de Madrid e Lisboa para que o proxecto do Parque da Amizade sexa unha realidade canto antes.

A nova ponte peonil e ciclista que unirá ambas beira, e que segundo Benítez a pesar de ser espectacular é "só o medio para conseguir o obxectivo: o espazo conxunto", será, en palabras dos autores do proxecto gañador, "unha liña sobre o Miño" que respectará "as delicadas ecoloxías do río e a súa xeometría de doble curvatura fará da súa travesía unha experiencia intensa, profunda e memorable na que a paisaxe sempre variable que se abre cara o Atlántico, ao sur, e ao valioso patrimonio histórico, ao norte, é o máis importante".

Subliñaron que a ponte proposta distínguese claramente da estrutura da Ponte da Amizade situada augas arriba a menos de 1.500 metros, e que o seu uso exclusivamente ciclista e peatonal permite empregar unha estrutura "máis audaz", maiores luces e un planeamento estratéxico no que a experiencia do cruce e a relación coa paisaxe son "determinantes e ineludibles", polo que é o máis transparente e aéreo posible. Créase un "lugar propio" que desvela unha paisaxe inédita "que alonxándose das edificacións de Vila Nova de Cerveira e das fortalezas, descubre a inmensidade do estuario do río Miño con toda a súa potencia natural fronte ao silencio formal e expresivo da ponte".

O viaduto colgante ten 330 metros de lonxitude e 9,20 metros de gálibo. A estrutura horizontal está composta por unha plataforma de catro metros de largo cun pavimento de madeira e de formigón e lastro portugués nos extremos, completada cunha varanda de malla metálica con pasamán de aceiro. A estrutura vertical está composta por dous apoios de aceiro na ribeira, que enlazan ao sur do Espazo Fortaleza, tamén na zona do auditorio, e ao sur do Parque do Castelinho. Igualmente non terá afección nin á praia nin ao illote.

"Estamos a falar de amizade, de fraternidade, de transformación, de ideas, de compromiso cun mundo novo onde o medio ambiente e o coidado do territorio son protagonistas" asegurou a presidenta da Deputación de Pontevedra Carmela Silva durante a presentación do Parque da Amizade e da ponte peonil e ciclable sobre o Miño. "Nesta comarca hai grandes valores medioambientais, culturais, históricos, unha lingua que nos une, unha economía moi potente pola que temos que seguir a traballar para construír futuro. Este proxecto, que permitirá unir a dous pobos veciños a través do Miño, é así de ambicioso", manifestou ao tempo que subliñou a calidade estética desta actuación que "vai namorar a todas e a todos".

Logo da presentación do proxecto, nos discursos institucionais, a ministra de Coesão de Portugal, Ana Abrunhosa, subliñou que cumprirá a súa palabra de que a futura ponte peonil que permitirá o Parque da Amizade sexa unha realidade. Destacou, de feito, que se trata dunha iniciativa que é prioritaria "e magnífica" para o goberno portugués e que debería ser incluso anterior que a alta velocidade que una Porto e Vigo.