Tomiño convértese na 'capital da lusofonía' coa gala da ‘República dos Sonhos’

No centro, César Mosquera, Esther Estévez, Carmela Silva e Sandra González, xunto con outros participantes no encontro. (Foto: Deputación de Pontevedra)
O ‘Centro Goianés’ acolleu un acto organizado pola Deputación de Pontevedra, o Igadi, o Concello de Tomiño e o AECT Rio Minho. O evento contou con entrevistas, conexións internacionais con Portugal, Brasil, Cabo Verde e Sao Tomé de Príncipe, e música de Uxía para “poñer en valor a irmandade dos países de fala galega”.

A vila de Goián en Tomiño (comarca do Baixo Miño), desde o seu ‘Centro Goianés’ – un edificio construído cos fondos da emigración a Brasil – no medio do territorio transfronteirizo do Miño, converteuse por unhas horas na noite deste sábado na “capital” da lusofonía en todo o Mundo grazas á celebración da gala ‘A República dos Sonhos’, baixo o lema ‘Non somos o mesmo país, pero non somos estranxeiros’.

O evento, organizado pola Deputación de Pontevedra e o Igadi e a colaboración do Concello de Tomiño e o Agrupación Europea de Colaboración Territorial (AECT) Rio Minho, reuniu de maneira presencial e telemática a persoas da Galiza, Portugal, Cabo Verde, São Tomé de Príncipe e o Brasil para celebrar a súa irmandade e as “potencialidades” dos pobos de fala lusófona, a súa proximidade cultural, patrimonial e social desde un espazo transfronteirizo como o Miño, no que a veciñanza galega e lusa fan vida común. De facto, foi tamén unha homenaxe á escritora Nélida Piñón, que ía tomar parte do acto e axudou a levalo adiante, mais faleceu recentemente.

A presentadora do programa ‘Dígocho eu!’ da TVG, Esther Estévez, foi a responsábel de conducir a gala, que contou coa participación musical de Uxía, quen interpretou varias pezas coa lusofonía como nexo. Na parte institucional foron entrevistadas a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, o deputado de Cooperación Transfronteiriza e director do AECT, Uxío Benítez, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e o presidente da cámara de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira. Na parte cultural, social e económica participaron presencialmente o historiador Ramón Villares, o xornalista Julián Rodríguez, a investigadora e filóloga Helena Pousa, o ex correspondente da TVG en Porto Carlos Portas e o director da editorial Laiovento, Alfonso Ribas, persoa próxima a Nélida Piñón.

"Terra e pobo da lusofonía"

A gala comezou coa intervención da alcaldesa de Tomiño, Sandra González, que fixo de anfitrioa e salientou que Tomiño e a súa veciñanza é “terra e pobo da lusofonía, fronteira e ventá cara o mundo” pola súa vinculación de sempre con Portugal, pero tamén máis alá do mar, co Brasil. Subliñou a súa esperanza en que a gala “sexa o primeiro dunha serie de eventos que poñan Tomiño no centro por ser “en esencia” territorio transfronteirizo. Destacou tamén que a lusofonía é unha “ponte para o galego porque o abre cara o resto do mundo” xa que a lingua “que nos identifica como país é a expresión mais humana e o galego ponos en contacto con millóns de persoas”. Tomou despois a palabra o presidente da Cámara de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, que falou da boa relación entre ambos os concellos e como comparten servizos ao terse constituído como eurocidade.

Seguiu no programa o deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez, que recibiu a sorpresa da xornada grazas a unha conexión en directo coa súa familia do Brasil, o que puxo de manifesto a “grande unión que existe a día de hoxe entre Tomiño e o país brasileiro”. Logo dun momento de grande emoción, Benítez lembrou que a relación vén de lonxe, xa que o Centro Goianés construíuse grazas a que a veciñanza da zona quería dinamizar o lugar e conseguiu levantar o edificio a principios do século XX con, entre outros, fondos chegados de Santos e Sao Paulo, sendo rehabilitado a mediados dese século outra vez con cartos indianos do Brasil e tamén con achegas de emigrantes en Nova York.

Xa no máis próximo, Benítez quixo destacar o “importante nexo” que existe no territorio da fronteira do Miño, que sinalou como “a máis dinámica de toda a Península Ibérica” tanto dende o punto de vista económico e social como cultural. Subliñou que tanto desde o AECT como desde a Deputación se están a desenvolver programas para aproveitar as potencialidades de maneira conxunta turística, social, económica e culturalmente.

Reinventar o territorio

Como broche final, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, puxo de manifesto na súa intervención na gala o “forte vínculo e unión” entre os pobos transfronteirizos do sur da Galiza e o norte de Portugal “que sempre foi moito máis aló do xeográfico”. “Somos, como se di nesta gala, pobos diferentes pero irmáns, como amosou a gran Nélida Piñón a quen hoxe lembramos. Temos linguas irmás e temos compartido vida”, subliñou. “Vivimos nun espazo común onde non nos separa unha fronteira, senón que precisamente nos atopamos no lugar de maior acercamento entre estas dúas culturas. As e os habitantes das dúas beiras do río témonos relacionado con afectos, con relacións comerciais... Sempre por riba de calquera división administrativa ou política. As persoas primeiro. Ese é tamén o noso lema”, engadiu a presidenta da Deputación de Pontevedra.

“Estamos máis perto que nunca e impulsamos proxectos que seguen a reafirmar esa unión e cos que queremos seguir a potenciar o noso territorio”, subliñou Silva, tras lembrar tamén que na recente feira de Fitur en Madrid os Gobernos español e luso teñen presentado a nova Estratexia de Turismo Sostíbel Transfronteirizo España-Portugal.