''Todas as actuacións da Xunta no Monte Pindo só foron medidas estéticas''

[Imaxe cedida polo entrevistado]

Conversamos con Mario Maceiras, da Asociación Monte Pindo, ao día seguinte de que a consellaría de Medio Ambiente ordenase a paralización inmediata das accións de voluntariado que pretendían a recuperación do monte. Do contrario, habería sancións.


O 11 de setembro de 2013, cando os efectivos aéreos de extinción xa non podían despegar, o lume prendeu no Monte Pindo e devorou máis de 2.500 hectáreas. O 1 de novembro, cadrando co festexo do Día de Defunt@s, a Asociación Monte Pindo lanzou unha pregunta ao ar: Axúdasnos a revivir o Olimpo Celta? Así nacía SOS Monte Pindo, voluntariado fronte ao desleixo da Xunta. Máis de 2.500 castiñeiros e 1.050 carballos plantados despois, a consellaría de Medio Ambiente obrigou a paralizar esta iniciativa social. De continuar cos traballos de recuperación, habería sancións.

Cal foi a orde que lles chegou desde a Xunta e como a recibiron?

Pois o máis curioso é que nen sequera se puxeron en contacto connosco. Recibímola a través da comunidade de montes de Caldebarcos. Falaron con eles e deixaron a orde expresa de que nós a contactaramos a ela --á xefa do distrito forestal V, Sara Romero--.

Chamamos. Díxonos que o Monte Pindo non era de todos senón da Xunta e que non podemos actuar nel sen autorización. De continuarmos, ameazounos con enviar a policía para a seguinte acción de voluntariado e coa imposición de sancións.

É verdade iso que lles dixo?

É unha media verdade. A titularidade do Monte Pindo pertence ao Concello de Carnota e á comunidade de montes de Caldebarcos, que non só apoian o proxecto senón que participan nel. Con todo, si que é certo que existe un convenio coa Xunta para a xestión deste espazo.

Convenio que non se estaba a desenvolver. 

Efectivamente, tal e como levamos denunciando desde hai tres anos, advertindo de que o que pasou --o incendio-- ía pasar. Así que decidimos rachar coa Xunta porque só poñía atrancos e encetamos as accións de voluntariado. Fixemos tres e foron un éxito. Conseguimos plantar 2.500 castiñeiros e 1.050 carballos, para alén de tratar 5,73 hectáreas con gramíneas de crecemento rápido para agarrar a terra e evitar as riadas de cinzas.

Por que non teñen autorización para desenvolver o proxecto? Denegáronllela?

Nen nola denegaron nin nola concederon. Reclamamos unha reunión coa consellaría de Medio Ambiente en tres ocasións para lle explicar o que queriamos facer e nunca nos responderon. É verdade que a xefa do distrito forestal V, Sara Romero, si que mostrou vontade de nos recibir e coñecer o programa de voluntariado, mais nós entendemos que non é con ela con quen temos que falar. 

A primeira xuntanza solicitámola após o incendio, para ver que medidas urxentes ían por en marcha. A segunda cando encetaron as riadas de cinza na zona arrasada. E a terceira aínda foi hai dez días para volver falar da declaración de Parque Natural e o informe técnico que Medio Ambiente di ter elaborado ao respeito pero que nunca nos ensinou. Se non temos autorización non é pola nosa falta de vontade.

Denuncian "persecución política".

Si. Somos unha organización molesta porque os cachamos nas patacas. Levamos anos anunciando que isto podía pasar e agora estamos aquí para o denunciar. A finais do ano pasado tivemos unha reunión con Hernández --Agustín Hernández, titular de Medio Ambiente-- moi positiva, mais co incendio todo quedou en papel mollado. 

Negóusenos toda capacidade de interlocución e emprenderon unha fuxida cara adiante porque apartar para un lado e non estorbar sería recoñecer o fracaso da súa xestión cando estaban a anunciar a bombo e prato que a temporada forestal fora magnífica.

Pero a "persecución política", en que se concreta?

En que non é casual que para unha vez que existe unha asociación que pula polo monte e que non só pide, senón que tamén fai, a aparten do camiño. Non é casual que a dilación nunha reunión que nós entendemos que era moi urxente --despois do incendio--. Non é casual que cando denunciamos que non aparecera por alí técnico ningún da Xunta enviaran até os de Augas de Galiza facer o paripé.

Tampouco é casual que cando reclamamos actuacións porque non se estaba a facer nada apareceran helicópteros privados que botaban palla desde o ar. Non é casual que cando nós comezamos a falar de voluntariado se aprobe un programa de voluntariado no marco dun proxecto simbólico que ao Pindo só lle dedicaba cinco días. Foron medidas estéticas e o voluntariado, ao que pagaron comida e cama, veu de fóra da comarca, en lugar de chamar xente da zona.

Entón podemos dicir que a Xunta nen fai nen deixa facer...

Non é que non faga, senón que todo o que fixo foron medidas estéticas, de cara á galería. Nós estabamos moi contentos coa resposta do voluntariado. Que veñan agora dicirnos que o monte non é de todos e que nos van multar... nós non podemos facer fronte a sanción ningunha. Por iso acatamos a orde.

Por que dixo que a xuntanza con Medio Ambiente fora "positiva"?

Porque lle vimos boa vontade en prol da declaración de Parque Natural. Solicitáronnos actualizar a iniciativa porque fora presentada con anterioridade e fixeramos máis traballos no lugar. 

Que vai pasar con SOS Monte Pindo?

Seguiremos traballando. Se non é directamente no monte será denunciando. 

Entendo que ao paralizar a súa acción a Xunta lles dixo que medidas se van emprender desde a consellaría... ou non?

En absoluto. De feito, a xefa de distrito nin sequera sabía se se estaba a facer algo desde a Xunta nen se o tiñan pensado facer. Nós temos a esperanza posta nanova responsábel da dirección xeral de Conservación da Natureza, Verónica Tellado, que acaba de tomar posesión. Darémoslle os cen días de cortesía e agardamos que non herde o desleixo do seu antecesor no cargo.