O 11 de setembro de 2013, cando os efectivos aéreos de extinción xa non podían despegar, o lume prendeu no Monte Pindo e devorou máis de 2.500 hectáreas. O 1 de novembro, cadrando co festexo do Día de Defunt@s, a Asociación Monte Pindo lanzou unha pregunta ao ar: Axúdasnos a revivir o Olimpo Celta? Así nacía SOS Monte Pindo, voluntariado fronte ao desleixo da Xunta. Máis de 2.500 castiñeiros e 1.050 carballos plantados despois, a consellaría de Medio Ambiente obrigou a paralizar esta iniciativa social. De continuar cos traballos de recuperación, habería sancións.
Cal foi a orde que lles chegou desde a Xunta e como a recibiron?
Pois o máis curioso é que nen sequera se puxeron en contacto connosco. Recibímola a través da comunidade de montes de Caldebarcos. Falaron con eles e deixaron a orde expresa de que nós a contactaramos a ela --á xefa do distrito forestal V, Sara Romero--.
Chamamos. Díxonos que o Monte Pindo non era de todos senón da Xunta e que non podemos actuar nel sen autorización. De continuarmos, ameazounos con enviar a policía para a seguinte acción de voluntariado e coa imposición de sancións.
É verdade iso que lles dixo?
É unha media verdade. A titularidade do Monte Pindo pertence ao Concello de Carnota e á comunidade de montes de Caldebarcos, que non só apoian o proxecto senón que participan nel. Con todo, si que é certo que existe un convenio coa Xunta para a xestión deste espazo.
Convenio que non se estaba a desenvolver.
Efectivamente, tal e como levamos denunciando desde hai tres anos, advertindo de que o que pasou --o incendio-- ía pasar. Así que decidimos rachar coa Xunta porque só poñía atrancos e encetamos as accións de voluntariado. Fixemos tres e foron un éxito. Conseguimos plantar 2.500 castiñeiros e 1.050 carballos, para alén de tratar 5,73 hectáreas con gramíneas de crecemento rápido para agarrar a terra e evitar as riadas de cinzas.
Por que non teñen autorización para desenvolver o proxecto? Denegáronllela?
Nen nola denegaron nin nola concederon. Reclamamos unha reunión coa consellaría de Medio Ambiente en tres ocasións para lle explicar o que queriamos facer e nunca nos responderon. É verdade que a xefa do distrito forestal V, Sara Romero, si que mostrou vontade de nos recibir e coñecer o programa de voluntariado, mais nós entendemos que non é con ela con quen temos que falar.
A primeira xuntanza solicitámola após o incendio, para ver que medidas urxentes ían por en marcha. A segunda cando encetaron as riadas de cinza na zona arrasada. E a terceira aínda foi hai dez días para volver falar da declaración de Parque Natural e o informe técnico que Medio Ambiente di ter elaborado ao respeito pero que nunca nos ensinou. Se non temos autorización non é pola nosa falta de vontade.
Denuncian "persecución política".
Si. Somos unha organización molesta porque os cachamos nas patacas. Levamos anos anunciando que isto podía pasar e agora estamos aquí para o denunciar. A finais do ano pasado tivemos unha reunión con Hernández --Agustín Hernández, titular de Medio Ambiente-- moi positiva, mais co incendio todo quedou en papel mollado.
Negóusenos toda capacidade de interlocución e emprenderon unha fuxida cara adiante porque apartar para un lado e non estorbar sería recoñecer o fracaso da súa xestión cando estaban a anunciar a bombo e prato que a temporada forestal fora magnífica.
Pero a "persecución política", en que se concreta?
En que non é casual que para unha vez que existe unha asociación que pula polo monte e que non só pide, senón que tamén fai, a aparten do camiño. Non é casual que a dilación nunha reunión que nós entendemos que era moi urxente --despois do incendio--. Non é casual que cando denunciamos que non aparecera por alí técnico ningún da Xunta enviaran até os de Augas de Galiza facer o paripé.
Tampouco é casual que cando reclamamos actuacións porque non se estaba a facer nada apareceran helicópteros privados que botaban palla desde o ar. Non é casual que cando nós comezamos a falar de voluntariado se aprobe un programa de voluntariado no marco dun proxecto simbólico que ao Pindo só lle dedicaba cinco días. Foron medidas estéticas e o voluntariado, ao que pagaron comida e cama, veu de fóra da comarca, en lugar de chamar xente da zona.
Entón podemos dicir que a Xunta nen fai nen deixa facer...
Non é que non faga, senón que todo o que fixo foron medidas estéticas, de cara á galería. Nós estabamos moi contentos coa resposta do voluntariado. Que veñan agora dicirnos que o monte non é de todos e que nos van multar... nós non podemos facer fronte a sanción ningunha. Por iso acatamos a orde.
Por que dixo que a xuntanza con Medio Ambiente fora "positiva"?
Porque lle vimos boa vontade en prol da declaración de Parque Natural. Solicitáronnos actualizar a iniciativa porque fora presentada con anterioridade e fixeramos máis traballos no lugar.
Que vai pasar con SOS Monte Pindo?
Seguiremos traballando. Se non é directamente no monte será denunciando.
Entendo que ao paralizar a súa acción a Xunta lles dixo que medidas se van emprender desde a consellaría... ou non?
En absoluto. De feito, a xefa de distrito nin sequera sabía se se estaba a facer algo desde a Xunta nen se o tiñan pensado facer. Nós temos a esperanza posta nanova responsábel da dirección xeral de Conservación da Natureza, Verónica Tellado, que acaba de tomar posesión. Darémoslle os cen días de cortesía e agardamos que non herde o desleixo do seu antecesor no cargo.
''Todas as actuacións da Xunta no Monte Pindo só foron medidas estéticas''
Conversamos con Mario Maceiras, da Asociación Monte Pindo, ao día seguinte de que a consellaría de Medio Ambiente ordenase a paralización inmediata das accións de voluntariado que pretendían a recuperación do monte. Do contrario, habería sancións.