Crise dos pellets

O 'Toconao', causante da vertedura de pellets, volve pasar fronte ao litoral da Galiza

O portacolectores con bandeira de Liberia 'Toconao'. (Foto: Vessel Finder)
O buque diríxese a un porto inglés e nestes momentos está a unhas 41 millas náuticas de Muxía.

Desde comezos do mes de xaneiro, Toconao xa non é un nome estraño para a cidadanía galega. É o nome do buque que, navegando baixo bandeira de conveniencia —Liberia—, sufriu un incidente en alta mar que provocou a perda de varios colectores que contiñan, ademais de pneumáticos, barras de aluminio ou papel film, os diminutos pellets de plástico que acabaron varando en praias de todo o país.

Este suceso derivou nunha pronta e masiva resposta do pobo galego que, máis unha vez, acudiu de inmediato aos areais para eliminar estes e outros microplásticos que poden resultar daniños para o medio, así como numerosas críticas á xestión desta crise ambiental por parte das administracións implicadas —nomeadamente Xunta da Galiza e Goberno estatal— e un cruzamento de acusacións entre as mesmas.

O portacolectores con bandeira de Liberia 'Toconao'. (Foto: Vessel Finder)

Agora, máis dun mes e medio despois de perder parte da súa carga fronte á localidade portuguesa de Viana do Castelo, o Toconao volve navegar en augas galegas. Segundo se pode apreciar na páxima que controla o tráfico por mar Marine Traffic, o barco pasa na tarde desta cuarta feira fronte ao litoral noroeste da Galiza e, máis concretamente, está nestes momentos a unhas 41,5 millas náuticas de Muxía (comarca de Fisterra), uns 77 quilómetros.

A embarcación bordea Galiza no seu percorrido rumbo ao porto inglés de Felixstowe, no condado de Suffolk, ao surleste do país. Iniciou a súa travesía o pasado 18 de xaneiro e agarda chegar ao seu destino esta sexta feira, día 26.