O tizón de Nadal arderá no solsticio de inverno da Eira da Xoana

O lume queima fachucos de palla e o tronco de Nadal durante o solsticio de inverno. (Foto: Nós Diario).

A Eira da Xoana conmemora esta quinta feira no lugar de Ramil, Agolada, comarca do Deza, o solsticio de inverno. O cristianismo moveu os días no calendario para facer cadrar esta data de celebración co Nadal, mais na Galiza aínda hai quen festexa o retorno á natureza coincidindo coa chegada da nova estación.

Desde o ano 2010 a Eira da Xoana conmemora o solsticio de inverno, unha celebración pagá que festexa os ciclos da natureza. "Chegado o 21 de decembro os días comezan a medrar. Acaba o tempo das tebras e da escuridade e iníciase a resurrección do sol e da natureza", explica a Nós Diario Pepe Salvadores, presidente da Fundación Eira da Xoana, unha entidade nacida da Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) para impulsar actividades respectuosas e comprometidas coa cultura e co medio ambiente da Galiza.

O solsticio do inverno, apunta, foi unha festa moi importante para os romanos "e imaxino que tamén para as culturas anteriores, que celebraban as estacións. Tanto é así que o dolmen de Dombate, como a maioría dos dolmens, ten o corredor de entrada orientado de tal maneira que no solsticio de inverno a luz do sol entraba até o final da cámara", unha disposición, di, relacionada coa "inmortalidade e a resurrección do sol".

Tronco de Nadal

Esta quinta feira, a partir das 17 horas, a Eira da Xoana acollerá os festeiros que se acheguen a conmemorar o solsticio, unha data na que a presenza do lume goza tamén de gran relevancia, cun sentido purificador. "Na Galiza, até non hai moitos anos, o que se facía nas casas a noite do 24 de decembro era queimar o tronco de Nadal", tamén chamado tizón ou cepo de Nadal. "Esta tradición permaneceu até que houbo lareiras e lume dentro das casas".

Era todo un ritual pagán, lembra Salvadores. "Limpaban a lareira, traían un troco de carballo, adornábano e ardía toda a noite; mais non o queimaban de todo, xa que cepo e as cinzas tamén eran importantes. O tronco conservábase. Se había tronada acendíase para que ofrecese protección e as cinzas levábanse aos campos para a súa fertilidade".

Esta práctica, moi estendida por todo o norte de Europa, foi recollida na Galiza por Otero Pedraio ou Vicente Risco, quen tamén documentou a queima dun boneco confeccionado con fachuzos de palla "que representaba o vello, o ano anterior".
"Non é algo que inventemos nós", é unha tradición compartida que en Catalunya evolucionou e perdura a través da figura do tió de Nadal –un tronco que visita os fogares e 'caga' agasallos e turróns– ou do Fia-Faia que se celebra en Bagà e Sant Julià de Cerdanyola no solsticio.

Último solpor no Coto

O solsticio de inverno na Eira da Xoana comezará contra o mediodía. Tras o xantar, a organización preparará os fachucos e o tizón antes de recibir as persoas festeiras. Cos fachos acesos subirán ao lugar do Coto, onde contemplarán o último solpor do outono antes de baixar e prender o cepo de Nadal

A xornada rematará cunha merenda-cea na que as persoas asistentes gozarán da comida que leven para compartir e que culminarán con música, teatro, poesía e maxia. Fantoches Baj porá en escena O castiñeiro do Apalpador, montaxe á que seguirán as actuacións de Bico da Balouta, Raúl e Amaro, o mago Laxman, Curra Figueroa e Eladio e Xosé Mosqueira.