Tiñas plan para San Xoán? É posíbel que sexa obrigatorio cancelalo

Unha noite de San Xoán na praia, na Coruña, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)
Moitos concellos da Galiza aínda non se pronunciaron, mais tamén hai os que -seguindo a liña marcada en localidades como Alicante- alertan de que haberá sardiñadas pero non cacharelas nin acceso ás praias.

Unha boa parte da mocidade galega leva semanas planificando a celebración de San Xoán agardando que a rebaixa nas restricións por parte da Xunta da Galiza permitira volver a gozar das luminarias e da festa como se facía antes de convivir cunha pandemia mundial. No entanto, a realidade non será esa ou, polo menos, non o será en todo o país.

A maioría dos concellos galegos aínda non se pronunciaron sobre o que vai estar permitido ou non pero outros seguen a liña da suspensión das celebracións como xa anunciara outro punto da xeografía do Estado español moi ligado a esta festa: Alicante.

Hoxe mesmo a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, anunciou que por segundo ano consecutivo as praias coruñesas quedarán sen fogueiras malia o interese internacional da celebración e o gran número de persoas que mobilizada até a cidade, co conseguinte gasto na hostalaría, nos supermercados e noutros servizos.

Haberá permiso para facer sardiñadas e churrascadas, pero estas serán de capacidade máis reducida e quedarán circunscritas aos barrios. Non haberá rúas fechadas para eventos nin concertos e lugares como Riazor, As Lapas ou o Orzán serán desaloxados ás 21 horas e fechados.

"Será unha festa de inicio do verán onde a xente poderá gozar, sempre mantendo as distancias de seguridade", comentou, aludindo tamén ao control das aglomeracións.

Rey xustificou a decisión porque, malia que "xa non estamos en estado de alarma e os datos invitan ao optimismo, a crise sanitaria da Covid-19 persiste".

Así insistiu en que hai que tomar este tipo de decisións para "non dar marcha atrás" na loita contra a pandemia. É probábel que outros municipios da Galiza comuniquen as súas normas para esa noite nas próximas semanas.