mércores 19/05/21
Política

A alcaldesa da Coruña ve "moi probábel" a cancelación de "eventos masivos" como o San Xoán

O Concello da Coruña analiza "as medidas e servizos que se porán en marcha de cara ao inminente inicio do desconfinamento" na cidade. 
Reunión do Goberno local da Coruña (Concello A Coruña).
Reunión do Goberno local da Coruña (Concello A Coruña).

A alcaldesa da Coruña, Inés Rei, admitiu "a moi probábel cancelación de eventos festivos de carácter masivo" na cidade, entre os que estaría o San Xoán, a festividade que maior número de persoas congrega cada ano na cidade no mes de xuño. 

Así o informou o goberno local coruñés após unha reunión na que analizaron "as medidas e servizos que se porán en marcha de cara ao inminente inicio do desconfinamento" e abordaron "as actuacións que desde o Concello están a tomarse de cara á recuperación económica da cidade após a crise provocada pola COVID-19".

"Unha das primeiras medidas será a desinfección das zonas verdes e parques públicos, fechados até agora, para así darlle a maior seguridade aos necesarios paseos controlados das nenas e nenos", avanzou a alcaldesa.

"Así como a reapertura do servizo público de aluguer de bicicletas ou os programas que, segundo as indicacións do Goberno estatal, haxa que pór en marcha desde o Concello para paliar a moi probábel cancelación de eventos festivos de carácter masivo", admitiu.

comentarios