Tímido seguimento na Galiza das marchas en coche para protestar contra a 'Lei Celáa'

Manifestación en coche contra a LOMLOE. (Foto: Más Plurales / Europa Press).
As protestas transcorreron en cinco das sete cidades galegas, con apoio de membros do PP e Ciudadanos.

Centos de coches manifestáronse en cinco das sete cidades galegas (Lugo, Vigo, Ourense, Ferrol e A Coruña) para protestar contra a reforma educativa do Goberno estatal. Consideran que a chamada Lei Celáa, presenta "unha enorme carga ideolóxica que restrinxe duramente dereitos e liberdades individuais e colectivas".

O texto recolle algunhas emendas que xeraron forte enfado na dereita española como é a consideración dos idiomas cooficiais no Estado como linguas vehiculares nos Països Catalans, Galiza ou Euskal Herria.

Con todo, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, asegurou que na Galiza “seguirá aplicando o castelán como lingua  vehicular” ao entender que teñen as "competencias" necesarias para facelo, a pesar do establecido na 'Lei  Celaá'.

As marchas producíronse en todas as urbes agás en Compostela e  Pontevedra, coa participación de membros do PP e Ciudadanos.

Os vehículos percorreron as rúas ataviados con lazos e globos laranxas para expresar a oposición a unha norma que "atenta contra a liberdade de ensinanza propondo unha drástica redución do pluralismo e do dereito a elixir das familias", segundo indicaban o manifesto lido no remate das marchas convocadas pola plataforma Más Plurales.

Censuran, ademais, que a LOMLOE "asigna ao ensino concertado un papel absolutamente subsidiario con relación ao público".

PP e Ciudadanos

Membros do PP e de Ciudadanos sumáronse á protesta. Beatriz Pino, voceira do segundo partido na Galiza, participou na de Vigo, onde asegurou que o seu partido "non vai permitir que o castelán deixe de ser a lingua vehicular na Galiza”.