xoves 03/12/20

Néstor Rego desmonta no Congreso a mentira da imposición do galego

Vox presentou unha proposta no Congreso para garantir o estudo en exclusiva en español, aludindo á “imposición do galego”. Néstor Rego, deputado do BNG, demostroulles cal é a lingua imposta e cal non, desmontando o discurso españolista ao falar en galego e a presidenta do Congreso retirarlle a palabra.

Néstor Rego nunha intervención no Congreso. (Foto: BNG)
Néstor Rego nunha intervención no Congreso. (Foto: BNG)

Vox pediu por medio dunha proposición non de lei no Congreso que o Goberno estatal garanta “o dereito dos españois a estudar exclusivamente" en castelán, contra o que consideran “a imposición” na escola do galego, euskera e catalán. En cuestión de segundos, Néstor Rego, deputado do Bloque Nacionalista Galego na Cámara Baixa, demostrou cal é a lingua imposta e cal non, e foille retirada a palabra.

O debate na Cámara non valeu para que Vox sacase adiante a súa proposta pero si para desmontar o falso discurso da imposición lingüística do galego sobre o español que axita a dereita e o españolismo.

“Na Galiza levamos máis 500 anos de políticas forzadas de asimilación lingüística exercidas como dicía Castelao con toda clase de argucias e violencias e, a pesar diso, a nosa lingua continua viva, argumentaba Rego en galego desde o atril do Congreso cando foi interrompido pola presidenta da Cámara, Meritxell Batet para que se expresase en castelán.

“Fano ademais apoiándose nunha grande mentira. A da imposición lingüística”, continuou Rego expresándose en galego. A presidenta volveu chamar a atención, ameazando con retirarlle a palabra. “Que eu non poida falar hoxe aquí na lingua do meu pobo demostra...” dixo Néstor cando Batet lle apagou os micros, sen deixarlle rematar a frase, na que aludía que o a retirada da palabra a un deputado por falar en galego exemplificaba cal é a lingua imposta e cal non.

Tamén Batet apagou os micros ao deputado da CUP, Albert Botrán, por expresarse en catalán.

comentarios