As mentiras da dereita española sobre a nova lei de educación en 5 exemplos

Manifestación contra a Lomloe. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
A recén aprobada lei de educación (Lomloe) é recibida con aberta hostilidade e belixerancia pola dereita social e política, que nestes días está a atacar a nova lexislación con argumentos elaborados a partir de mentiras, medidas verdades e falsidades: desde a desaparición do español á eliminación da relixión ou o final da concertada. 

É certo que se eliminan os colexios concertados? Desaparece o español das aulas? Van pechar os colexios de educación especial? A resposta a estas 3 preguntas é non, mais a teor da avalancha de críticas e denuncias de PP, Vox e Cs sobre o que implica a Lei Celaá hai xente que pode pensar que si. Explicamos 5 das mentiras da dereita sobre a nova lei de educación. 

Fin da concertada

A educación concertada non desaparece coa Lomloe. Da nova lei desaparece o concepto de "demanda social" que no seu día (2002) introducíu o Goberno de Aznar, que eliminou o de Zapatero e que en 2013 volveu introducir o de Raxoi. En base a este concepto,  se os pais preferían mandar os seus fillos a unha privada concertada paga con fondos públicos antes que a unha pública, o Estado debía financiar esa decisión. 

A nova lei aposta, iso si, por evitar a discriminación do alumnado por motivos socioconómicos e a creación de colexios 'guetos'.

Feche de colexios especiais

A Lomloe obriga ao feche dos centros de educación especial, denuncian PP, Cs, Vox. Falso. A nova lei o que establece é o compromiso de destinar máis fondos aos centros de ensino ordinario para que poidan ofrecer este servizo e que os centros especiais non sexan a única opción. O Goberno español opta así por seguir a liña da recomendación que se lle fixo en 2018: daquela, a ONU acusou España de discriminar os nenos e nenas con necesidades especiais e recomendou incluílos no ensino ordinario.

A nova lexislación márcase como obxectivo que "en 10 anos os centros de ensino ordinarios conten cos recursos necesarios para poder atender nas mellores condicións o alumnado con discapacidade".

A relixión desaparece

É outro dos cabalos de batalla da dereita, sempre presta para defender o ensino relixioso e a súa presenza no ensino, quer privado, quer público.

De novo o 'Trío de Colón' (PP, Vox e Cs) colleuse da man para denunciar que a nova lei supuña a imposición da "ideoloxía laicista". 

Mais isto tamén é falso. O ensino de relixión católica é de oferta obrigada para os centros e de escolla voluntaria para o alumnado. A nova lei elimina a obriga para aqueles e aquelas que non elixen a materia de Relixión de cursar outra materia alternativa. Ademais, suprime o artigo que permitía que a Relixión computase para a nota media e xa non contará para o acceso á universidade nin para a obtención de bolsas.

Persecución do español

Esta é unha das teimas da dereita social e política española, con abundancia de artillería mediática e que tamén gaña para a súa causa a personalidades e representantes, en principio de latitudes ideolóxicas diferentes.

Que non figure na nova lei a cualificación de "lingua vehicular" para o español non é a fin deste idioma no ensino, como reiteran PP, Vox e Cs. Até que o ministro Wert introduciu esta expresión en 2013 ningunha lei facía referencia explícita a que o castelán era "lingua vehicular" no ensino.

No novo texto establécese que as Administracións educativas deberán "controlar" que ao final do ensino obrigatorio haxa un "dominio pleno" dos idiomas oficiais nese territorio. Deberase garantir, pois, que na Galiza o alumnado é "competente" en galego e español.

Aprobar suspendendo

A nova lei permite pasar de curso suspendendo, o que favore un desmadre no que todos recibirían a mesma nota independentemente do seu esforzo. Mentira.  O que hai é un Real Decreto lei de medidas urxentes para ensino non univesitario. Unha norma, non a Lomloe, que modifica criterios de avaliación, promoción e titulación e que é unha "medida excepcional e temporal" mentres dure a pandemia.