Folga na CRTVG

Tiago Alvite: "Consideramos que os servizos mínimos da CRTVG son abusivos, polo que pensamos recorrer pola vía xudicial"

O presidente do comité, Tiago Alvite, da CIG. (Foto: Arxina)

O Comité Intercentros da CRTVG convocou unha folga para esta segunda feira baixo o lema "Non máis abusos na CRTVG". 'Nós Diario' conversa co seu presidente e sindicalista da CIG, Tiago Alvite, para coñecer as razóns da protesta.

—Cales son as razóns de convocar esta folga?
A folga está convocada baixo o lema “Non máis abusos na CRTVG” porque cremos que se está dando unha situación insoportábel a día de hoxe. Unha situación abusiva por parte da dirección que se manifesta nunha serie de condutas que, entendemos, son contrarias aos dereitos das persoas traballadoras da corporación. Falamos da marxinación laboral á que están sometidos cada vez máis traballadores e traballadoras da CRTVG; do trato degradante por parte dos superiores; do desprestixio profesional; da continua negación de dereitos laborais ou das sancións sen fundamentos.

Ademais, ultimamente tamén estamos a asistir aos traslados de persoas traballadoras dun medio cara a outro –da radio á televisión ou á inversa- como medida de castigo exemplarizante. Cremos que estes traslados responden a unha represalia aos profesionais que se manifestan en contra da manipulación informativa e do desmantelamento dos medios públicos.

A finalidade desta medida é dupla: por unha parte, buscan separar estas persoas das súas tarefas e medios habituais, con todo o que isto implica –o cambio da linguaxe e técnica específicas de cada medio e a asignación de novas funcións- e, por outra parte, a separación ou illamento das persoas do grupo de colegas cos que foron tecendo unha relación de compañeirismo ou mesmo de amizade ao longo dos anos, co fin de desestabilizalas moralmente, no contexto das protestas.

—Que outras protestas ou accións teñen previstas para os próximos meses?
Na asemblea de traballadores e traballadoras do 22 de febreiro na que se convocou a folga desta segunda feira tamén se acordou realizar outra convocatoria de paros para dentro de dúas semanas. Esta terza feira  teremos unha reunión para valorar o resultado desta folga e convocar a próxima se a empresa non se atén a negociar coa representación sindical as medidas reivindicativas que puxemos enriba da mesa con esta folga.

Ademais, consideramos que os servizos mínimos da CRTVG son abusivos, polo que pensamos recorrer pola vía xudicial. Volve pasar o mesmo que ocorreu en anos anteriores cando a CRTVG impuxo uns servizos mínimos que recorremos aos tribunais de xustiza por considerar que vulneraban o dereito fundamental de folga das persoas traballadoras. Cremos que esta vez a empresa incorre na mesma ilegalidade polo que imos denuncialo.

—Meses despois da multitudinaria manifestación en defensa da CRTVG, decorrida en novembro de 2022, observa algunha mellora?
Non inmediata pero cremos que é un movemento, unha loita, de longo alcance que debe ter unha continuidade. Temos prevista outra manifestación para o 16 de marzo e tamén en abril, así como unha serie de propostas que se están a debater, como unha iniciativa lexislativa popular para reclamar que os medios públicos estean ao servizo do pobo galego.

Con todo, cómpre diferenciar a problemática laboral interna de abusos, á que está respondendo o Comité Intercentros da CRTVG, do movemento social que reivindica unha CRTVG ao servizo do pobo e que reclama o cumprimento da lei vixente. Son dúas cuestións relacionadas e que, neste momento, coinciden no tempo, pero á vez diferenciadas. Obviamente os abusos tamén teñen que ver coa manipulación informativa e o desmantelamento dos medios públicos, ao que nos opoñemos as persoas traballadoras da corporación, pero son, formalmente, ámbitos diferenciados.

Esta xornada de folga foi convocada polo Comité Intercentros por decisión da asemblea de traballadores e traballadoras decorrida o 22 de febreiro. Porén, a manifestación do 16 de marzo, ao igual que a de novembro, son mobilizacións plurais do tecido organizativo do país que reivindica que os medios públicos sexan usados ao servizo das súas necesidades democráticas, sociais e culturais.

—Que lle diría ao director da CRTVG se o tivese agora diante?
Diríalle que debe facer unha fonda reflexión e mudar o estilo de dirección despótico que ten, mais sabendo que ese estilo responde a un interese político por parte do Partido Popular para manter controlados os medios públicos. Por este motivo, tamén instamos a Xunta da Galiza, o PP galego e a todas as instancias competentes a que, dunha vez por todas, estabelezan as medidas necesarias para garantir uns medios públicos independentes e ao servizo do conxunto da cidadanía galega.