Textos de ‘Nós Diario’ na ABAU e nas oposicións a docente de Secundaria

Estudantes de Bacharelato do IES Vilar Ponte de Viveiro durante as probas da ABAU nunha imaxe de arquivo (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

Un artigo de Laura Novelle caeu como comentario de texto de Lingua e Literatura Galega na ‘selectividade’ extraordinaria que decorre estes días.

A selectividade (ABAU) extraordinaria volve ao mes de xullo e está a decorrer estes días, sen ter -como era tradicional- que agardar ao mes de setembro para realizala.

Centos de estudantes examínanse terza, cuarta e quinta feira en 7 exames. Esta cuarta feira unha das materias a se examinar foi a de Lingua e Literatura Galega e nela caeu como comentario de texto un artigo de Opinión publicado en Nós Diario o mes de xaneiro.

‘A trampa mortal do individualismo’, de Laura Novelle, foi o texto en cuestión. Unha opinión na que esta Historiadora, docente e escritora; colaboradora habitual de Nós Diario nesa sección, debullaba a pandemia, o confinamento e como “se algo demostra a crise da Covid é que o individualismo é unha trampa que separa, non soluciona”.

Non foi este o o único texto de Nós Diario que caeu estes días nunhas pobras. Nas recentes oposicións a profesorado de Lingua e Literatura galega de Ensino Secundario, o comentario lingüístico centrárase en ‘Eu non son neofalante’, de Olga Brañas.

“As persoas neofalantes teñen un vocabulario moito máis normativo -chamémoslle correcto- que as que temos o galego como lingua materna. Estou xeralizando, por suposto”, afirmaba Brañas.

Xa en 2017, un artigo de Mercedes Queixas publicado en Sermos Galiza estivera nas oposicións de galego. Hai lugares onde non existe a primavera, artigo da profesora e escritora Mercedes Queixas  foi o elixido para que as e os opositores realizasen o comentario lingüístico nas oposicións para docente de ensino secundario da especialidade de Lingua e Literatura Galega.