Unha tese da USC mostra que o monte produtivo reduce os fogos

Unha persoa traballando na extinción dun incendio en Verín o pasado 3 de agosto de 2022 (Foto: Rosa Veiga / Europa Press).
O estudo, presentado en Lugo, critica a xestión da Rede Natura 2000 e conclúe que “a conflitividade coas Administracións ou con empresas explica que haxa incendios”.

Unha tese presentada no Campus Terra de Lugo (Universidade de Santiago de Compostela)  certifica a desigual incidencia dos incendios forestais en función da propiedade e do modelo de xestión dos terreos queimados.

O traballo, realizado polo técnico forestal Gervasio López baixo a dirección do catedrático do Departamento de produción vexetal e proxectos de enxeñaría da USC, Manuel Marey, analiza a relación entre a conflitividade social e os fogos intencionados rexistrados na Galiza entre os anos 1999 e 2014, ao ter datos oficiais só até 2015. Nese período houbo un total de 104.225 incendios dos que 96.648 foron provocados.  

“No traballo constatouse que até 2005 houbo unha actividade intensa, con até 10.000 fogos anuais, mentres que no último período, desde 2006 até 2014, baixa até ao redor dos 3.500”, explica Manuel Marey a Nós Diario. Os fogos “antes eran pequenos e distribuídos ao longo do ano, con  maior incidencia na primavera e no verán.

Agora, o problema é que son moito máis grandes e concentrados en semanas puntuais cunha superficie queimada maior ao que se lle engade a dificultade de extinguilos por estar pensado o sistema antiincendios terrestres para os anteriores” fogos, engade. 

As zonas produtivas de monte arden menos

O estudo puxo o foco na actividade incendiaria nos terreos que son montes veciñais en man común e nas áreas de Rede Natura 2000. Alén da compilación e clasificación de datos relacionados cos episodios incendiarios intencionados, a investigación avaliou novas de prensa e sentenzas xudiciais, ademais  de analizar e relacionar as resolucións xudiciais.  

Os datos investigados nos 3.326 montes veciñais en man común (MVMC), que ocupan un total de 663.500 hectáreas das que son propietarias e propietarios algo máis de 118.500 persoas comuneiras, indican que se rexistraron durante o período de referencia 26.476 incendios intencionados.

“Revisáronse máis de 5.000 noticias e máis de 600 sentenzas xudiciais e constatouse que non hai un indicador único a nivel galego de zonas conflitivas relacionadas con incendios mais si que as que son conflitivas arden máis”, apunta Marey.

Coa mesma metodoloxía, trataron a produtividade, chegando á conclusión de que “nas zonas onde o monte era máis produtivo había menos incendios e coa chegada dos fogos non se reactivaba a repoboación”. Ademais conclúe que, “a conflitividade coas Administracións ou con empresas explica que haxa incendios”.

Unha Rede Natura 2000 mal xestionada

A segunda unidade territorial contemplada nesta investigación corresponde coas 59 áreas de interese comunitario (ZEC) pertencentes á Rede Natura 2000 e que se estenden sobre algo máis de 374.400 hectáreas (43% das ZEC son MVMC), nas que se contabilizaron 9.675 fogos provocados. 

“Constatamos na tese que coa chegada en 2004 desta figura de protección non cambiou a tendencia nos incendios a nivel galego nos MVMC”, asegura este catedrático, “mais cando se analizaba en conxunto coa propiedade privada si que había un incremento no número de fogos”, engade. Para Marey, estes datos indican que “aumentou a actividade incendiaria nas propiedades particulares" como consecuencia dunha "mala xestión e de non explicarse ben o seu funcionamento”.