Contracultura

Miguel Mosquera: "O máis sorprendente dos incendios é o silencio, como se desaparecese toda a vida de golpe"

Miguel Mosquera, pintor e impresor, expón o seu Proxecto Incendios na Fundación Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital, en Ribeira, até o 25 de xaneiro. Mosquera relata os inicios e motivacións que o levaron a desenvolver este traballo artístico así como as consecuencias dos lumes xa que, como el di, “arde máis que a terra”. 
Miguel Mosquera aborda os efectos dos fogos na súa mostra (Foto: Nós Diario).
photo_camera Miguel Mosquera aborda os efectos dos fogos na súa mostra (Foto: Nós Diario).

Como xurdiu o Proxecto Incendios?

Levo máis de corenta anos vivindo no rural, perto de Ourense, e xa desde os primeiros anos era normal que se sentira a campá da igrexa no verán para chamar a veciñanza para ir apagar os incendios, porque daquela non había o sistema que hai agora de bombeiros. Levo toda a vida, especialmente nacendo e vivindo en Ourense, moi concienciado de que o noso país está ardendo sempre. 

O ano 2017 estivo marcado por unha onda de lumes moi forte e a min ocorréuseme comezar a facer unha especie de intervención desde o punto de vista plástico e artístico. Comecei a facer unha selección de lugares en Paderne de Allariz , Baños de Molgas e Lobios e, cando os incendios se declaraban extintos, ía recoller as cinzas. Sempre digo o mesmo cando conto isto: o más sorprendente dos incendios é o silencio que hai, como se desaparecese toda a vida de golpe.

O concepto que eu barallaba naquel momento era motivacional. É dicir, se arde o monte está ardendo o noso país, a nosa historia, a nosa paisaxe o noso futuro. Arde máis que a terra. 

Como evolucionou ese concepto en 2020?

Nese ano volveron arder as zonas de Monterrei, Cualedro, Millao, San Cristovo, Flariz e o Parque Natural do Xurés, polo que volvín comezar todo ese proceso que xa fixera en 2017. Entre eses anos comecei a facer tamén un labor de documentación para saber que era o que ocorría e coñecer os datos que había sobre os incendios. Foi terrorífico.

Saquei os datos do Ministerio de Cambio Ecolóxico, o que antes era o de Agricultura, e estes sinalaban que entre os anos 1991 e 2019 na Galiza houbera máis de 190 mil incendios. Aí entran desde os lumes de baixa categoría até os forestais máis importantes, mais a cuestión é que de todos eles o 85% eran provocados, ben por neglixencia ou ben por unha intencionalidade directa. O meu discurso xa cambiaba porque non arde o monte e a nosa paisaxe. Non. É que somos neglixentes e abandonados, algo que resulta tamén doutras circunstancias como o despoboamento ou o avellentamento do rural. 

A partir destes datos comecei a montar as caixas de 2020 e ao mesmo tempo fun pedindo un poema para cada grupo de caixas que ía facendo de cada sitio, porque penso que é importante engadir as verbas de poetas da Galiza que falan sobre os incendios. 

Como foi o proceso de recollida das cinzas, documentación e construción do proxecto?

O proceso técnico foi deseñar unhas caixas de cartón para conter os blisters de PVC que contiñan as bolsas das cinzas. Cada lugar leva unha grafía distinta, o que tamén supón facer múltiples pantallas e impresións de serigrafía. 

En total, hai 50 caixas que se corresponden con 2017 e outras tantas para 2020. Outro aspecto é a cartografía, na que ía buscando onde quedaba o lugar e que logo utilicei como soporte plástico. Foi tamén sobre todo un traballo emocional polo momento de chegar aos sitios incendiados e o máis canso o traballo de taller, porque a serigrafía implica que moitas veces sexa un traballo de ensaio, erro e volver comezar. Se o fago é polo amor que lle teño a esta terra. Son moitos anos pelexando e penso que llo debía ao noso país. 

No que respecta a 2020, a palabra que salienta na exposición é silencio.

Son os silencios da sociedade. Sabemos que é un problema, a sequidade que ten esta terra, a anormalidade dos tempos que crea cada vez menos estacións. Temos unha terra marabillosa que non a merecemos, porque ao cabo de dous anos de terlle prendido lume, volve florecer, mais chegará o punto no que isto xa non ocorra máis. Pensamos que dominamos a terra, que podemos manipulala e destruíla ao noso antollo, até que a terra xa non dea máis de si.  

Comentarios