Un terzo das mulleres no mundo sufriu violencia machista algunha vez

[Imaxe Catherine Boutaud / Esquerda]

Segundo un estudo publicado en 2013 pola Organización das Nacións Unidas, 3 de cada 10 mulleres aseguran teren sido agredidas física ou sexualmente polas súas parellas. 

 

A violencia machista é, segundo as Nacións Unidas, unha "violación dos dereitos humanos" e un "grave problema de saúde pública". Através da Organización Mundial da Saúde (OMS) a ONU ten elaborado os informes máis completos a nivel global a respeito da pegada da violencia machista no planeta. O máis recente foi publicado en 2013 e abrangueu o estudo de 80 países

Neste senso, segundo os dados recompilados pola Escola de Hixiene e Medicina Tropical de Londres e o Consello de Investigacións Médicas da propia OMS o 30% das mulleres a nivel mundial sufriu nalgunha ocasión violencia machista --física ou sexual-- por parte da súa parella. Aliás, a organización internacional cifra en 38 de cada 100 o número de asasinatos de mulleres cometidos polas súas parellas. 

Segundo a ONU, o 38% dos asasinatos machistas foron perpetrados polas parellas das vítimas 

Fóra das relacións de parella, entre o 0,3% e o 11,5% aseguran teren sufrido violencia física ou sexual por unha persoa allea após cumprir os 15 anos e nunha proporción moi significativa dos casos as mulleres entrevistadas sinalaron que a súa primeira experiencia sexual foi "forzada" (17% en Tanzania, 24% en Perú e 30% en Bangladesh). 

Segundo diversos estudos internacionais recollidos pola Organización Mundial da Saúde, aproximadamente o 20% das mulleres tería sido violada durante a súa infancia. No caso dos homes, entre o 5% e o 10% asegura ter sido agredido sexualmente da súa nenez.  

Na UE 62 millóns de mulleres foron vítimas da violencia machista e o 5% afirman ter sido violadas, isto é, 9 millóns de mulleres

En 2014 a Unión Europea publicou o primeiro estudo comunitario sobre violencia machista. Os dados tirados pola investigación desenvolvida entre os Estados Membros reflectían que un total de 62 millóns de europeas foran vítimas de violencia machista. Asemade, o 5% das mulleres da UE afirman ter sido violadas nalgunha ocasión após os 15 anos, isto é, 9 millóns de mulleres

O 18% asegura ter sido acosada e o 33% padeceu experiencias infantís de violencia sexual ou física a mans dunha persoa adulta. 

Na pasada fin de semana no Estado español producíronse 3 atentados machistas. Con eles a cifra de feminicidios no conxunto do estado elévase a máis de 50, sete deles na Galiza. Para alén das fronteiras con España, alén Miño a cifra non muda moito. En Portugal os organismos públicos cifran en 40 o número de mulleres asasinadas no que vai de ano. Dúas delas a pasada semana. A cifra de asasinatos machistas --ao igual que acontece no Estado español-- increméntase a respeito do período anterior.