MARCELA LAGARDE, ANTROPóLOGA FEMINISTA

"A opresión das mulleres está normada e organizada"

Marcela Lagarde

Autora de numerosas obras e escritos, Lagarde conversa con Sermos Galiza aproveitando a súa estadía en Galiza. 

 

Marcela Lagarde fainos un oco durante a súa breve estadía en Galiza. Combinamos no casco histórico de Compostela a poucos metros da libraría Lila de Lilith onde desenvolverá unha ponencia arredor da súa tese doutoral, Los cautiverios de las mujeres: monjas, madresposas, putas, presas y locas. Á súa chegada recoñecemos unha das figuras de maior pegada do feminismo actual. Antropóloga e investigadora algúns dos seus escritos sentaron as bases de conceptualizacións como a sororidade. Mais por riba de todo iso ollamos unha muller humana e moi próxima. Cun ton de voz suave, calmo e seguro. Marxista, namorada da obra de Gramsci, defende poucas horas despois de nos atender a súa preocupación polo abondono das feministas dos espazos político-institucionais. Foi deputada do Partido da Revolución Democrática (PRD) e desde o seu escano defendeu o dereito das mulleres a viviren (vivirmos) unha vida libre de violencias. 

Como deputada, vostede impulsou a Lei para o acceso das mulleres a unha vida libre de violencia. Nela tipifícase o feminicidio como delito. Que supón isto?

A palabra xorde dunha visión de xénero na análise sobre crimes contra mulleres. Homicidios de mulleres. A novidade que incorpora é que ao falarmos de crimes de xénero referímonos a persoas que cometen crimes de odio. Son crimes polo simple feito de seren mulleres. Iso é unha carga enorme. Que é o simple feito de seren mulleres? Entre outras cousas, referímonos a todas as formas de violencia contra as mulleres: control do que somos, da nosa sexualidade... Todas esas formas de control convértense en dano e, polo tanto, as mulleres podemos ser danadas de moitas formas polo simple feito de sermos mulleres. 

A norma parte dunha investigación sobre os asasinatos de mulleres en Ciudad Juárez, mais as descubertas que achega o estudo falan doutros "focos vermellos" de violencia machista...

A novidade desta lei foi porlle nome a un fenómeno como eran os crimes contra mulleres en Ciudad Juárez. Através dunha investigación que desenvolvimos descubrimos que non eran nada raro nen excepcional como estaba a dicir a imprensa. Os medios falaban de asasinos seriais que mataban a mulleres e fuxían aos EUA, ou mesmo que eran gringos que mataban mulleres.

"Os homes teñen un conxunto de vantaxes, privilexios, polo feito só de seren homes e teñen a ver coa dominación das mulleres"

Díxose de todo. Porén, como dixemos moitas veces, o único serial aquí é a condición de xénero. No meu país, non só en Ciudad Juárez, os homes teñen un conxunto de vantaxes, privilexios, polo feito só de seren homes. Boa parte deses privilexios e vantaxes teñen a ver coa dominación das mulleres. Os homes obteñen poder social e prestixio. Desde unha perspectiva feminista continuamos cunha longa causa que nos ocupou a metade do século XX e foi visibilizar e denunciar a violencia contra as mulleres, como unha violación dos dereitos humanos mais tamén como un problema social de enormes magnitudes polo dano causado non só ás mulleres, senón tamén á súa contorna, ao espazo laboral ou educativo. En Mexico, após tantos anos, a maior parte dos crimes quedan impunes, non se investiga a ninguén. E os agresores saben iso. Poden violentar as mulleres até o punto de as matar porque non vai haber xustiza. Todo ese encadre do problema é o que tentamos sacar á luz ao tempo que presentarmos unha alternativa para desmontar esa violencia no mundo. Descubrimos que non acontecía só en Ciudad Juárez, tamén en moitos outros lugares que teñen en común, diversas violencias: non hai lei que vaia polo que as mulleres quedan en maior risco. E iso derivou en moitos casos en asasinatos perpetrados polas parellas e ex-parellas mais tamén por descoñecidos. Peóns que pasaban pola rúa e nun valdío violaron e asasinaron unha muller; á saída dun bar... Hai un abano moi amplo de perfís, quer dos agresores, quer das vítimas, no caso de Mexico. Tamén, policías, soldados... persoas próximas ás mulleres no ámbito público.

Sería máis acaído, entón, falarmos de violencia feminicida en troca de feminicidio?
Son dúas categorías que eu elaborei. Feminicidio é o homicidio analizado con perspectiva de xénero. Implica un grande grao de impunidade social e do estado. Ten a ver coa morte violenta de mulleres a mans dun agresor ou agresores. En troca a violencia feminicida refírese ao conxunto de procesos que levan de pouco a moito. Diversas formas de violencia e discriminación das mulleres que van sedimentando até que fican en risco pois nen a contorna social as protexe. Non hai educación para a convivencia.

"Cando se violentan os dereitos humanos das mulleres falamos de violencia feminicida, que pode concluír en feminicidio, claro que si, mais tamén noutras formas de morte violenta, como o suicidio"

Cando se violentan os dereitos humanos das mulleres falamos de violencia feminicida, que pode concluír en feminicidio, claro que si, mais tamén noutras formas de morte violenta. Por exemplo, o suicidio, froito de violencias múltiples, por mor de non atopar axuda, traballo nen un acollemento ás súas necesidades. Suicídanse mulleres en situacións lamentábeis de vida porque non poden máis. Na nosa investigación determinamos que esas mortes por suicidio tamén son mortes violentas pois as condicións de vida case levan da man a unha muller ao sucidio sen que haxa no medio nada que as salve. Tamén o son infinidade de accidentes domésticos ou atropelos. Hai casos en que o condutor nen sequera frea. Vale tan pouco a vida das mulleres que nen sequera frean. 

Tamén son mortes violentas todas as mortes precoces. Ou sexa, todas aquelas que non deberon acontecer e puideron ser previdas. Por exemplo, o non acceso á saúde. Casos de cancro cérbico-uterino, de ovarios e de mama. Hoxe estes tipos non teñen por que ser necesariamente mortais, de se atenderen a tempo. Nalgúns países, após a súa diagnose fíxanse esperanzas de vida de até 40 anos. Porén, en Mexico, apesar de existir un sistema nacional de saúde moi potente, non hai unha política de prevención efectiva destes cancros.  Son mortes violentas, tamén, aquelas que se coñecen como 'mortes maternas': referidas ao embarazo, xestación, parto, aborto, post-parto... que implican desatención na saúde das mulleres. Son mortes evitábeis. En Mexico hai 1000 mortes, de media, ao ano por mortalidade materna.

Unha das súas obras máis coñecidas e recoñecidas é Los cautiverios de las mujeres: monjas, madresposas, putas, presas y locas, na que fala de mulleres cautivas e cautivadas, a que se refire?

Son unha namorada do meu idioma. Encántame escribir, ler... son feliz. Esa palabra, cautiverio, sempre adorei. Ao investigar as condicións opresivas das mulleres fun atopando que non se dá a opresión de calquera maneira senón que está normada e organizada naqueles espazos que habitamos e nos que se dan as nosas relacións sociais. Iso relacioneino con aqueloutros espazos como os que habitan as monxas. Mulleres virtuosas que teñen unha vida modélica e que son exemplo de vida casta, pura, pobre. Desenvolven un tipo de sexualidade moi particular arredor da castidade, a fidelidade e o amor a deus. Todo iso crea unha cultura que eu chamo cautiverio pois, aliás, transcorre tras das portas dos conventos, cunha vida normada. Non teñen liberdades. No mundo contemporáneo, en occidente, as mulleres non poden vivir de costas ao progreso, o desenvolvemento e a participación democrática. Mais mantéñenas aí, neses lugares de virtude que son, finalmente, moi enaxenantes. Tamén atopei outro cautiverio que son as cadeas. Son espazos que me permitiron amosar, ao igual que coas monxas, un estereotipo para amosar que nos acontece a todas as mulleres.

"Todas [as mulleres] temos as nosas prisións"

Unhas cantas están presas e recluídas mais no libro sosteño que todas [as mulleres] temos as nosas prisións. Ás veces mudan por idade, por circunstancias da vida... mais hai tal cantidade de regras opresivas arredor das mulleres que non gozamos das liberdades mínimas ás que aspira a modernidade. Aínda hoxe, cantidade de mulleres --cando menos da parte do mundo de onde eu veño-- estudan en contra da vontade de seus pais. É un círculo vicioso no que non se logra un modelo de vida propio que pode incluír as parellas e a maternidade. Os cautiverios están construídos de acordo cun modelo antigo, de xénero, un modelo bastante arcaico, de mulleres destinadas á maternidade e á conxugalidade. Á casa, aos outros e aí atopar a súa [auto]realización. Os modelos tradicionais son moi opresivos. Logo, as opcións modernas, se non nos coidar, poden volverse tamén opresivas. Cada avanzo das mulleres contén os seus propios retos. Mesmo mulleres que se senten moi alleas a iso, se mudan a súa condición sexual, amorosa, económica... quedan atrapadas en cautiverios que nunca imaxinaran mais, aí están.

"A todas nós, a sociedade nalgún momento nos chamou tolas mais as vangardistas, as rebeldes, as subversivas e, sobre todo, as feministas somos as peores"

O último cautiverio que recollín nese libro --non porque non haxa máis-- é o das mulleres tolas. Aínda se usa ese termo para falar daquelas mulleres que non comprendemos. A todas nós, a sociedade nalgún momento nos chamou tolas. Que lles acontece ás mulleres? Ninguén as entende? Que queren? Son preguntas que se nos fan como mostra da incomprensión como se viviramos nunha chave distinta. Coma se non tiveramos unha racionalidade complexa como a que temos, mais a sociedade négaa, atribuíndonos unha afectividade a flor de pel, unha dimensión emocional sempre marcada por cousas como a mestruación e as hormonas. Tamén as mulleres vangardistas, ás rebeldes, subversivas... todas esas transgresoras somos tolas. E as peores somos as feministas [sorrí]. A sociedade crea un cautiverio cercado pola incomprensión das mulleres. 

[...]


A conversa remata de súpeto. Rematou o tempo e fican moitas cuestións no tinteiro. Entre elas a definición daquelas mulleres cautivadas. Escoitar a Lagarde trae á lembranza a Emma Goldman ao falar da atracción que as mulleres senten (sentimos) pola opresión que padecen(mos). E é que "a ignorancia da mente humana está composta para ver un dereito, unha liberdade, onde non hai máis que unha imposición", dicía Goldman.