A violencia machista cobra nun día tres novas vítimas mortais no Estado

Catro novas vítimas, tres delas mortais, é o dramático balance dos atentados machistas desta segunda feira no Estado español. 

Tres persoas asasinadas e unha ferida son as vítimas de tres atentados de violencia machista desta segunda feira, acontecidos en distintos puntos do Estado español. 

No atentado de Valladolid, un home asasinou a unha muller coa que mantivera unha relación máis ao seu actual compañeiro. O asasino, de 48 anos, confesou posteriormente os feitos. A parella tiña unha filla de catro anos e contaba con varios antecedentes de denuncias por violencia machista, un deles con orde de alonxamento. A policía fora nesa mesma noite ao domicilio ao seren alertados pola veciñanza. 

Unha muller foi tamén asasinada na localidade de Paterna, en Valencia, por disparos do home co que estaba en trámites de separación. Segundo os datos que transcenderon, o home acudira á casa a recoller as súas pertenzas ao domicilio no que, nese momento, se atopaba a muller máis as dúas fillas e unha amiga delas. Despois de matar á muller, o home suicidouse. 

Finalmente en Bilbao, un home acoitelou a súa ex-parella e logo suicidouse tirándose ás vías do tren. Nos tres casos, os asasinos atacaron a mulleres das que estaban separados ou en trámites de separación. Son xa máis de medio cento as mulleres asasinadas no Estado español no que vai de ano, número que se incrementa se se computan as vítimas que non tiñan relación sentimental cos asasinos, como fill@s ou outros parentes, como a sogra no caso do atentado duplo da Mariña.