Un terzo das familias galegas carece de conexión axeitada para formación telemática

Computador (Nós Diario)

Unha enquisa a máis de 6.200 familias realizado pola Confederación Galega de ANPA constata a falta de garantías, a desorganización e o esquecemento ao alumnado con necesidades de apoio.

Ao redor dun terzo das familias galegas con fillas ou fillos escolarizados carecen de acceso a redes apropiadas e aos medios necesarios para poder terminar o curso de forma telemática.

É unha das principais conclusións dun estudo realizado pola Confederación Galega de ANPA (Confapa-Galiza), e dado a coñecer esta sexta feira 3 de marzo.

Os resultados confeccionáronse a partir de enquisas a máis de 6.200 familias galegas, a maioría de infantil, primaria e ESO.

Un 29,72% negou ter acceso a Internet con capacidade para videoconferencia ou formación virtual, mentres que máis do 60% do alumnado ten que compartir o seu equipo co resto da familia, o que suporía un problema no caso de pais que opten por teletraballo.

Por outro lado, algo máis do 20% carece de espazo de traballo propio para realizar as súas tarefas.

A enquisa tamén evidencia a "inmensa" disparidade de ferramentas, canles e contidos empregados por parte dos centros, e mesmo entre docentes.

Os contidos dedícanse "sen unha mínima estrutura nin organización", e entréganse de forma unidireccional, "sen interacción co alumno". Os máis utilizados son o correo electrónico e o 'taboleiro' da web do centro.

Un 43% do alumnado está a recibir materia nova, mentres que outro 22% está a ser avaliado, a pesar de que a instrución da Consellaría de Educación "era clara respecto diso" e comunicouse "en varias ocasións que este tramo non sería avaliábel".

Máis de cinco horas ao día

Doutra banda, o estudantado de niveis superiores emprega "máis de cinco horas ao día" para desenvolver a educación non presencial, un esforzo "desproporcionado" tendo en conta a falta de recursos familias, técnicos e persoais que constata a enquisa.

No caso de alumnas e alumnos con necesidades de apoio, o estudo mostra que os pais carecen dos coñecementos necesarios para compensalo e o profesorado das ferramentas para facilitalo.