A docencia advirte das "desigualdades" na avaliación se o confinamento se alonga

Alumnado ás portas dun centro de ensino compostelán (Arxina).
Varios centros rexeitan a orde da Xunta de valorar o segundo trimestre.

A decisión das Autoridades educativas, plasmada na instrución da Consellaría de Educación aos centros do 27 de marzo, de fechar esta semana a avaliación do segundo trimestre do curso puntuando os contidos anteriores ao estado de alarma é, para boa parte da comunidade escolar, un intento de "proxectar normalidade" en tempos de absoluta excepcionalidade; unha apariencia que, a ollos dos sindicatos, non poderá manterse en ningún caso no terceiro trimestre se o confinamento se estende no tempo.

Polo de pronto, son varios os centros de ensino galegos que xa se teñen posicionado contra a orde da Xunta. No IES Lamas Castelo de Carnota o profesorado trasladou o seu "profundo desacordo" e defende prescindir das notas deste trimestre e "artellar mecanismos para botar adiante o curso con só dúas avaliacións, onde na terceira se teña en conta a evolución formativa". No centro de Fontiñas, en Compostela, estase a deixar "a criterio do profesorado" estabelecer ou non unha cualificación, en función de se considera que ten os instrumentos suficientes. O IES Antonio Fraguas, tamén de Compostela, xa anunciou ás familias que "non emitirá boletíns de notas para esta avaliación, por resultar incompleta".

Son, para Suso Bermello, secretario nacional de CIG-Ensino, alternativas "razoábeis" a unha orde que revela "o despropósito" e a "falta de goberno" na Consellaría de Educación nesta crise sanitaria. "Hai que tomar decisións e tentar que as medidas sexan comprensíbeis e mesuradas, mais o que non se pode é pretender normalidade porque non a hai", censura.

En espera das decisións que se adopten na reunión do ministerio coas autoridades educativas territoriais para o terceiro trimestre, a CIG avoga por unificar a segunda e terceira avaliacións e agardar á fin do confinamento para valorar o alumnado, a súa capacidade de participación nas actividades online e o reforzo dos déficits nesta etapa, antes de poñer as notas.

"A escola, sobre todo a pública, é un sistema compensador das desigualdades do status socioeconómico e cultural", observa a secretaria xeral da federación de ensino da CCOO, Luz López, que teme a fenda que se poida abrir de continuar o illamento no terceiro trimestre, en caso de manterse a formación telemática. Pon de exemplo a fenda dixital: "Non todas as familias teñen medios para seguir unha clase dixital. De seguir, a desigualdade sería insalvábel", di, apuntando criterios socioeconómicos, pero tamén territoriais, dada a menor conectividade do rural. 

"Entendemos que se quere dar unha sensación de normalidade, pero é que non estamos nun estado de normalidade", concorda Paula Carreiro, responsábel de ensino de UXT, para sinalar que nunha situación de emerxencia social "nin as familias nin o profesorado está pensando na segunda avaliación". "Aínda que haxa contidos para avaliar, isto podía esperar, e desde o punto de vista da motivación pode ser até contraproducente mandar notas neste momento", opina.

Para UXT, unha prolongación do confinamento obrigará a  modificar "toda a organización dos centros e todos os contidos a avaliar", incluíndo a eliminación de contidos en bacharelato e mesmo pode que a selectividade.

Atención á diversidade durante o confinamento

A confederación de ANPA galegas alertaba, tras coñecerse a orde da Xunta para o segundo trimestre, do problema da atención á diversidade e ao alumnado con distintas capacidades, "que se está tratando xunto ao resto cuns medios lamentábeis". O seu presidente, Fernando Lacaci, ve "imposíbel" avaliar contidos neste escenario, e máis ante a posibilidade de que o terceiro trimestre tampouco sexa presencial. Desde a CIG, Suso Bermello critica que esta excepcionalidade "está levando a que se primen os contidos sobre os procedementos e sobre o que ten que ser o proceso de aprendizaxe", e apunta que faltan servizos como os de orientación, xuntas de avaliación ou adaptacións ás necesidades específicas de apoio, imprescindíbeis para unha educación igualitaria