Un terzo da poboación galega terá máis de 65 anos en 2037

xubilado xubilacion maiores pension envellecemento vellos (Foto: Arxina)
As últimas estimacións do IGE presentan un escenario pouco optimista no que haberá 251 maiores de 65 por cada 100 mozos e mozas, isto é, máis do dobre.

As estimacións demográficas seguen ser verter cifras que conviden ao optimismo no país. A poboación galega de máis de 65 anos representará até un terzo do total (32,4%) en 2037, o que supón seis puntos máis que na actualidade (26,1%), segundo os últimos datos publicados polo IGE esta sexta feira.

Esta estatística sobre lonxevidade mostra o progresivo envellecemento da sociedade galega e as súas previsións. Así, mentres no conxunto do Estado español hai 100 persoas de máis de 65 anos por cada 100 menores de 20 anos, esa cifra elévase a 167,3 na Galiza, mais a proxección alcanza 251 maiores por cada 100 mozos e mozas para dentro de 14 anos.

No que atinxe á estrutura de poboación das e dos maiores galegos, actualmente o grupo de entre 70 e 74 anos representa 22,2% do total. Porén, prevese que nos próximos tres lustros perda certo peso, cunha alza do grupo de idade comprendido entre os 80 e 84 anos.

Estes datos súmanse á estimación que fixo en outubro pasado o INE sobre a progresión da poboación da Galiza, que, segundo os seus cálculos, caerá a 2,65 millóns de habitantes (-1,3%) tamén no ano 2037. Deste modo, o país ficará entre os territorios do Estado español que perderán poboación nos próximos 15 anos, con Castela e León (-96.888 habitantes), Asturias (-66.921 habitantes) e Estremadura (-50.996 habitantes) á cabeza. A Galiza será cuarta dunha listaxe que fechan Ceuta (-7.327 persoas) e Melilla (-2.571 persoas). O resto gañarán poboación neste período.

Os galegos e galegas de 65 ou máis anos viven maioritariamente en fogares compostos unicamente por persoas dese grupo de idade, cos concellos incluídos na circunscrición de Ourense como os de maior taxa. Até 54,7% dos maiores de 65 anos viven sós, mentres o 40% reside coa súa parella sen fillos. Só 5,2% contan cun fogar doutro tipo.

A esperanza de vida da cidadanía galega que ten hoxe 65 anos é de 21,7 anos, con diferenzas por sexos, pois é de 23,7 anos para as mulleres e de 19,4 anos para os homes. A principal causa de defunción dos maiores de 65 anos é a relacionada con enfermidades do sistema circulatorio (30,5%), seguida de tumores (23,5%).

O número de pensionistas de 66 ou máis anos na Galiza supera o medio millón de persoas desde 2009. O importe medio anual entre os 66 e 75 anos é de 16.928 euros —moi por baixo dos 18.893 euros da media estatal— e entre os maiores de 75 anos a cifra baixa a 13.119 euros —no conxunto do Estado español son 14.984 euros—.