3 rescatados, 10 mortos e 11 desaparecidos no naufraxio dun pesqueiro en Terranova

O primeiro aviso de emerxencia produciuse ás 5.24 horas, co barco a 450 km de Terranova. (Infografía: Nós Diario)

Día negro para os mariñeiros galegos. Durante a madrugada de onte, un pesqueiro de Marín con 24 tripulantes a bordo lanzaba unha alerta de emerxencia. 
Os equipos de rescate apenas puideron atopar tres superviventes entre os cascallos do naufraxio, mais non localizaron o buque. Foron recuperados dez corpos.

 

 

Ás 5.24 horas da terza feira (00.24 no Canadá), o pesqueiro Vila de Pitanxo, con base en Marín e que faenaba a 450 km da costa canadense de Terranova, emitiu dúas alertas de emerxencia, unha por medio dunha radiobaliza e outra por medio dunha chamada selectiva dixital, tras o que foi imposíbel contactar co buque.

Media hora despois, a caixa azul do navío de 50 metros de eslora, que se atopaba en Terranova pescando fletán, deixou de enviar a súa localización, transmitiu onte a Subdelegación do Goberno estatal en Pontevedra.

O Joint Rescue Coordination Centre Halifax (JRCC Halifax), a axencia de rescate desa demarcación do Canadá, enviou un helicóptero, un avión de rescate e un buque de salvamento ás últimas coordenadas transmitidas polo pesqueiro, e de maneira coordinada con Salvamento Marítimo estatal, contactaron inmediatamente cos dous barcos máis próximos ao naufraxio, o galego Praia Menduíña 2 e o portugués Novo Virgem da Barca.

Tamén se informou de que o Río Caxil, máis afastado do suceso, dirixiuse cara ao lugar do naufraxio, así como o remolcador Maerks Nexus.

Segundo reportou Salvamento Marítimo, as condicións climatolóxicas na zona eran extremas, con ventos de 60 km por hora, "mal mar e visibilidade reducida", con ondas de até 5 metros e cunha temperatura da auga que nesta época oscila entre os dous e catro graos. Asemade, Meteogaliza sinala que esa rexión está na traxectoria de paso das borrascas, o que aumenta a inestabilidade do tempo. 

24 persoas a bordo

O buque botado en 2004 levaba unha tripulación de 24 persoas, 16 procedentes do Estado -tres nados en Marín, tres en Cangas, un en Moaña e outro en Bueu-, cinco do Perú e tres de Ghana.

As augas nas que o Vila de Pitanxo estaba a faenar son as coñecidas como NAFO (Organización de pescarías do Atlántico Noroeste), ás ordes de Juan Enrique Costa Padín, de Cangas do Morrazo, quen levaba varios exercicios traballando nas augas de Terranova.

O armador do barco é o Grupo Nores, baseado en Marín, que forma parte da Cooperativa de Armadores de Vigo. A contorna da súa sede encheuse pola tarde de persoas achegadas aos mariñeiros, cuestionando a falta de información recibida e coa vila sumida nun estado de incerteza e consternación.

Dez vítimas confirmadas

Ás 10.37 horas na Galiza, o Praia de Menduíña 2 albiscou na zona catro balsas salvavidas e cascallos dispersos na auga. Xunto aos equipos de salvamento canadenses, foron quen de acceder a dúas das balsas. Unha estaba baleira e na outra encontraron tres tripulantes “en estado de shock hipotérmico”, asegurou Maica Larriba, subdelegada do Goberno estatal en Pontevedra.

Entre os superviventes atópanse o patrón do barco e o seu sobriño, Eduardo Rial, que puideron comunicarse co Concello de Cangas brevemente após o rescate.

Nesa mesma balsa, apareceron os corpos sen vida doutros catro tripulantes da embarcación, confirmou Salvamento Marítimo. O JRCC Halifax subliñou arredor de 12 horas despois de recibir a primeira chamada de auxilio que nin os seus medios aéreos nin os navais foran quen de localizar o buque.

Á noite, Brian Owens, do JRCC Halifax, confirmou o achado de seis corpos, elevando a sete o número de defuncións. Até 11 mariñeiros permanecen desaparecidos.

Reaccións

As reaccións ao naufraxio sucedéronse desde que Larriba comunicou publicamente os feitos pouco despois do mediodía, xustificándose en que “até hai moito pouco tempo non tíñamos ningún tipo de información”.

Isabel Rodríguez, voceira do Executivo estatal e ministra de Política Territorial, apuntou ao final do Consello de Ministras e Ministros que seguen “con inquedanza e preocupación as tarefas de procura e rescate da tripulación”, en coordinación “e permanente contacto cos servizos de rescate”.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, declarou que “seguimos consternados polas terríbeis noticias que nos chegan”, e amais de enviar o apoio ás familias da tripulación indicou que están “a disposición do gabinete estatal e da armadora”, ofrecendo axuda psicolóxica ás familias e á armadora. “Traballar no mar sempre é unha heroicidade”, resolveu. Asemade, o Goberno comunicou que coordinaron co Estado e a Embaixada do Canadá unha canle permanente para facilitar ás familias a información que se vaia coñecendo.

As tres formacións con representación no Parlamento, PP, BNG e PSdeG, tamén transmitiron as súas condolencias e a súa solidariedade coas persoas achegadas dos tripulantes, do mesmo modo que o presidente do Estado, Pedro Sánchez.

A alcaldesa de Marín, María Ramallo, destacou que “é unha traxedia dunha magnitude que non recordabamos, un naufraxio que non só afecta o municipio, tamén a toda a comarca do Morrazo”.

Suor e bagoas

Comisións Obreiras trasladou as súas condolencias ás familias dos mariñeiros falecidos, da mesma maneira que a Confederación Intersindical Galega.

Xavier Aboi, responsábel de Mar do sindicato nacionalista, sinalou que o naufraxio puido producirse por un golpe de mar ou por unha vía de auga, e concluíu que a poboación non é consciente do “suor e bágoas” que hai tras o peixe que levan á terra os mariñeiros galegos.