Temporal Ana

O paso de 'Ana' deixa máis de 1.300 incidencias

Un muro derrubado en Pontevedra [Foto: PontevedraViva.Com]

O temporal causou cortes de luz en miles de fogares, desvíos de voos e obrigou a pasaxe dun avión Londres-A Coruña -carregado de escolares- a ficar na capital británica até no mínimo a terza feira.

Ana non tivo efeitos devastadores, mais si está a deixar tras de si un ronsel de incidencias, árbores caídas, asolagamentos e interrupción do servizo eléctrico. Máis de 1.300 incidentes, segundo o 112.

 

Segundo os dados suministrados por Gas Natural Fenosa, a media tarde desta segunda feira continuaban sen subministro eléctrico 2.100 clientes a consecuencia da profunda borrasca que azoutou Galiza. Chegaron ser 20.000 persoas o domingo.

 

O colapso do tráfico aéreo é outra das secuelas do temporal. Este domingo un voo da compañía Vueling que opera entre Londres e A Coruña foi cancelado e a pasaxe -após pasar 7 horas no aeroporto de Heathrow sen ningunha información por parte da aeroliña- vaise ver obrigada a ficar na capital británica no mínimo até terza feira, á espera dun oco para voar. Boa parte da pasaxe está formada por escolares.

 

Alerta laranxa na costa até as 15 horas

 

O temporal deixará sentir os seus efeitos até últimas horas desta segunda feira, embora irá perdendo forzas paseniñamente. Informa Meteogalicia de que a alerta laranxa se vai manter na costa até as 15 horas. Os ventos no litoral poderán alcanzar a forza oito, o que significa que provocarán ondas de até 6 metros de altura.