Unha forte borrasca atinxe Galiza con ventos de até 120 quilómetros/hora

Unha nova cicloxénese chega ao país. Ana -así foi batizado o temporal- é o produto duna profunda borrasca que prolongará os seus efeitos, se ben atenuados, até esta segunda feira. A Xunta decretou alerta laranxa e varios concellos suspenden as actividades ao ar libre.

Os ventos de até 120 quilómetros por hora vanse rexistar no litoral e nas zonas altas. A borrasca alcanzará o seu pico por volta das 15 horas e até a medianoite, logo irá perdendo forza, mais o seu epílogo se prolongará até as últimas horas desta segunda feira.

 

O temporal traerá intensas chuvias, que serán aínda máis abundantes en comarcas pontevedresas. Agárdase que as precipitacións superen os 120 litros por metro cadrado en toda a Galiza.

 

Para estremar as medidas de seguranza, os concellos de A Coruña, Ferrol e Santiago decretaron a suspensión das actividades ao ar libre. Aliás, a Federación Galega de Fútebol cancela todos os partidos programados a partir das 15 horas.

 

Zona vermella para Aemet

 

Por súa parte, Aemet -a axencia estatal de meteoroloxía- inclúe comarcas galegas no aviso vermello por fortes ventos. Foi Aemet quen baptizou a borrasca e, como acostuma acontecer, quen lle puxo nome de muller.