Múltiples incidencias e desvíos de voos, primeiro balanzo do temporal

A borrasca provocou por volta de 261 incidencias até as 17 horas e o desvío de voos con destino a Vigo e Compostela. Vigo, Pontevedra, Soutomaior, Santiago de Compostela, Ribadavia e Lugo son os concellos que rexistaron máis secuelas, de acordo coa información fornecida pola Xunta.

Un dos 7 voos desviados este domingo a consecuencia do temporal Ana procedía de Arxel e estaba previsto que aterrase en Vigo por volta das 6.30 horas deste 10 de decembro. Nel viaxaba a delegación galega da Sogaps -Solidariedade Galega co Pobo Saharaui- que recentemente visitou os campamentos de refuxiados saharianos de Tinduf. Facían parte desa expedición as parlamentares Ángeles Martínez (PP), Eva Solla (En Marea) e Montse Prado (BNG), ben como o alcalde de Viana do Bolo (BNG). Acabaron aterrando en Madrid e desprazándose a Galiza en autocarro.

 

Alén dos voos desviados, o mal tempo obrigou tamén a cancelar saídas, até un número de cinco, todas elas no aeroporto de Vigo.

 

Canto ás incidencias, o maior número refírense á caída de árbores e pólas nas estradas (87), seguidas de bolsas de auga nas estradas (31), anegamentos en rúas (18) e vivendas (17) e cabos de luz nas estradas (6), segundo a Xunta.

 

O sul do país é claramente o máis afectado: a provincia de Pontevedra rexistou 144 incidencias, xusto o dobro das producidas na de Coruña (72). En Lugo contabilizáronse 27 e Ourense ficou con 18.

 

Noticia actualizada por volta das 20:25.