O temporal de chuvia, vento e neve provoca máis de novecentas incidencias

Consecuencias do temporal en Pedrafita do Cebreiro (Foto: Carlos Castro / Nós Diario).
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior mantén activo o plan especial ante o risco de inundación na Galiza (Inungal), en situación de alerta para unha vintena de ríos galegos, que esta terza feira se atopaban por riba do seu nivel de desbordamento.

As borrascas Geràrd e Fien deixaron na Galiza máis de novecentas incidencias desde que fixo a súa entrada no país. Os casos máis repetidos rexistrados polo 112 Galiza tiveron que ver, unha vez máis, co vento e coa chuvia, que provocaron a presenza de árbores e pólas sobre as estradas, ás que se lle viñeron sumando progresivamente incidencias relacionadas con alagamentos, estradas ou vivendas, desprendementos e derrubamentos. 

Risco de desbordamento

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior mantén activo o plan especial ante o risco de inundación na Galiza (Inungal), en situación de alerta para unha vintena de ríos galegos, que esta terza feira se atopaban por riba do seu nivel de desbordamento.

O Concello de Begonte (comarca da Terra Chá) sufriu con especial intensidade os efectos do temporal, con coches atrapados en estradas anegadas e cunha ducia de familias que non podían abandonar as súas vivendas. Algúns veciños e veciñas tiveron que ser rescatados por Protección Civil cunha embarcación pneumática.

Circulación complicada

Pola súa parte, a neve tamén provocou incidencias nas zonas montañosas da Galiza. A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) constatou dificultades para circular en dúas vías galegas. 

Na A-6, ao seu paso polas Nogais (comarca dos Ancares), con nivel de alerta verde, que implica precaución e control da velocidade. E tamén en varios quilómetros da LU-633, ao seu paso polo porto de Alto do Poio (Pedrafita do Cebreiro), con nivel de alerta amarela, polo que estivo prohibida a circulación de camións.

A alerta laranxa por fenómeno meteorolóxico adverso por nevaradas nas montañas de Lugo e Ourense, que a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) activou nas primeiras horas desta terza feira, manterase vixente durante o día de hoxe. A alerta laranxa por forte ondada na costa da Galiza activada esta terza por ondas de máis de nove metros, tamén estará vixente hoxe. 

Danos no subministro eléctrico

O temporal Fien provocou da mesma maneira danos no tendido eléctrico en distintos puntos do país. As compañías Naturgy e Begasa ratificaron a existencia de incidencias que deixaron vivendas de Boiro (O Barbanza), Carballo (Bergantiños), Outeiro de Rei (Lugo) e O Barco de Valdeorras sen subministro eléctrico de maneira puntual nuns casos, e durante horas noutros.