O teletraballo no eido do ensino consolídase como unha opción en tempos de coronavirus

As dúbidas sobre a educación a distancia multiplícanse en todos os niveis educativos. (Foto: Europa Pres).
As expertas desmontan tópicos e prexuízos sobre o que é a educación a distancia

A pandemia da COVID-19 levou á suspensión das clases de todos os niveis educativos, desde Infantil até os posobrigatorios, como Bacharelato, títulos de grao ou mestrados.

No educativo, como en calquera outro eido que o permita, a única opción que permite desenvolver a actual situación de confinamento é a do teletraballo.

Esa educación a distancia leva vinculada, desde a súa propia concepción, unha serie de tópicos e prexuízos que, segundo as profesionais do sector "non se corresponden coa realidade".

Nunha conversa mantida con Nós Diario, a profesora Carme Silva -docente no grao de Ciencias da Cultura e coordinadora do mestrado en Servizos Culturais da facultade de Humanidades da Universidade de Santiago de Compostela- explica que o actual "é un bo momento para visibilizar que si se pode desenvolver unha educación completamente a distancia ou, polo menos, semipresencial".

Este último é o formato que adoptou, xa no ano 2014, o mestrado en Servizos Culturais que ela mesma coordina, seis anos nos que, "demostramos que a non presencialidade é moito máis que unha especie de maldición, como se lle consideraba".

Mais, que significa "semipresencialidade"? Carme Silva indica que é "ter unha serie de horas de asistencia en aula para o alumnado e os exames de forma presencial, mais o resto do traballo desenvolvese nunha plataforma en liña".

"No noso caso -engade- non é ningún carísimo programa específico, senón Moodle, que é un software libre que utiliza, por exemplo, a Consellaría de Educación nos Institutos, e nel podemos colgar distintos tipos de materiais, tarefas, actividades, exames que as estudantes teñen que completar nun tempo concreto ou abrir chats e foros para comunicarnos co alumnado".

A comunicación, chave da educación á distancia

Para Carme Silva, a correcta aplicación é desenvolvemento das ferramentas que ofrece a educación a distancia resulta fundamental dadas as circunstancias que está a vivir a sociedade galega e mundial a raíz da crise provocada polo novo coronavirus.

A profesora da Universidade de Santiago considera que "o gran perigo" dos modelos non presenciais é "a soidade do alumno", o que significa que "ao non haber outros alumnos e alumnas que traballen canda el ou ela, resulta máis complicado desenvolver certo tipo de tarefas, en especial as grupais".

Porén, afirma que, para compensar, as docentes teñen que "realizar un seguimento do estudantado diferente, con maior proximidade, dándolle un toque humano a un modelo de docencia que pode resultar fría".