Educación presenta unha guía para o profesorado que exerza a distancia

Centro autonómico de formación e innovación en Compostela (CAFI).
O Centro Autonómico de Formación e Innovación do Profesorado recomenda estabelecer rutinas que permitan un esquema de traballo similar ao habitual nas aulas presenciais. 

O ensino en todos os niveis educativos ficou paralizado ante a crise sanitaria derivada da expansión do coronavirus na Galiza, aínda que moitos centros aínda permanecen abertos por orde da Xunta. Recoméndase manter a actividade educativa a distancia, pois existen moitos mecanismos dixitais para facelo. 

Co ánimo de axudar a todos os docentes nesta tarefa, a rede de formación permanente do Centro Autonómico de Formación e Innovación do Profesorado (CAFI) acaba de partillar unha guía, Servizos e recursos para o desenvolvemento da aprendizaxe a distancia, que recomenda facer unha "planificación preliminar", desde a titoría e non por materia, "co obxectivo de non sobrecargar con tarefas o alumnado e de estabelecer rutinas que permitan un esquema de traballo similar ao habitual, na medida do posíbel". 

"As circunstancias exixen trasladar ao entorno virtual o mellor do teu coñecemento e competencia como profesional. No ensino a distancia podes empregar habilidades de ensino, titorización e seguimento que xa usabas con mestría na aula de forma habitual", explican na guía, difundida pola Consellaría de Educación. 

Primeiro hai que definir os "obxectivos" e despois elixir a ferramenta que máis se axuste a eles. Así, nesta guía apostan por empregar as canles institucionais "que permiten enviar contidos, recibir tarefas e traballar en equipo"; e fai alusión a outras que recomenda empregar de maneira consensuada entre os docentes pos centros, para non saturar o alumnado. 

Unha das propostas que recolle a guía é "acompañar ao alumnado na elaboración dun portafolio ou diario de clase", para o que se pode empregar Agueiro, unha ferramenta corporativa de creación de portafolios dixitais educativos. Con este exercicio sinalan que se traballan "competencias como a dixital, aprender a aprender e a autonomía, responsabilidade, capacidade de organizarse e planificarse". 

As dinámicas de traballo que se propoñen desde o CAFI pasan por promover a interacción e a participación do alumnado a través de exercicios como os pregunta-resposta, a chuvia de ideas, xogos ou mesmo cancións. Desta maneira, as docentes presentan un tema que é debatido polo grupo e, a posteriori, se investiga e debulla sobre el para dar forma a un traballo que pode ser presentado oral ou escrito. E, para rematar, unha posta en común con avaliación das dificultades atopadas polo alumnado no proceso. 

Na guía para docentes lémbrase a utilidade de ferramentas como a "rede social do profesorado galego", Redeiras, ou o repositorio de contidos educativos da Xunta, Espazo Abalar; así como a aplicación abalarMóbil, que permite "que as familias consulten información dos seus fillos e fillas a través do teléfono móbil" e acceder "aos posíbeis avisos ou notificacións por parte do profesorado ou do centro educativo a través dun servizo de mensaxes".

Na mesma liña, o CAFI recopila plataformas de teleaprendizaxe para o profesorado (ou calquera interesado) e as ferramentas para levar a cabo as aulas a distancia de maneira sinxela e accesíbel para todas, tanto para videoconferencias ou edición de imaxe e vídeo como pizarras dixitais ou creación de videoxogos. Por último, a guía recopila unha serie de museos e pinacotecas de todo o mundo que ofrecen visitas virtuais e materiais didácticos como o Museo do Pobo Galego, o Museo Nacional Arqueolóxico de Atenas e o Museo do Prado.