Galiza mantén a obriga de abrir os centros de ensino

Co alumnado na casa, algúns centros educativos da Galiza abren a diario.
En todo o Estado son seis os territorios que manteñen os centros educativos abertos máis a obriga de  permanecia de parte do seu persoal docente e non docente. No caso galego, a intrución afecta a unha integrante do equipo directivo.

Galiza continúa entre os territorios que manteñen abertos os seus centros educativos para equipos directivos e persoal de administración e servizos. A pesar do estado de alarma decretado o pasado sábado polo Goberno e a suspensión da actividade educativa presencial en todo o Estado para conter a propagación do coronavirus, as escola abren a diario.

A canda Galiza, outros seis territorios persisten en non clausurar os centros educativos completamente: Aragón, Illes Balears, Castela e León, Comunitat Valenciana e Madrid. No caso galego, a primeira instrución por parte da Xunta recollía a suspensión das actividades docentes e extraescolares en todos os niveis do ensino mais mantiña a obriga do persoal docente de seguir acudindo aos centros a partir do 16 de marzo.

Dobre rectificación

Poucas horas despois, a Administración modificou o documento de obrigas mais sen recoller un pronunciamento claro sobre o peche total das escolas. Esa nova instrución, do 13 de marzo, deixaba nas mans dos equipos directivos permitirlle ao persoal docente e non docente traballar ou non desde a casa.

A este cambio, a Administración galega aínda engadiu un terceiro, aprobado nunha resolución do 15 de marzo. O texto indica que “nos centros educativos de todos os niveis de ensino non universitario de máis de seis unidades permanecerá en réxime de quendas só unha persoa do equipo directivo do centro das 10 horas ás 13 horas”.

Os sindicatos, en contra

Os sindicatos amosaron a súa disconformidade coa decisión da Xunta da Galiza desde o primeiro momento. Desde a CIG-Ensino, sindicato maioritario no sector, consideraron entón que malia a rectificación da Consellaría de Educación “froito da presión exercida polo persoal docente nos centros”, a resolución vixente “é irresponsábel e supón unha deixadez de funcións por parte das autoridades educativas".

Así, esta central sindical presentou recurso contra esta orde de permanencia nos centros educativos a pasada segunda feira, xa que entende que que “se está a vulnerar o dereito á saúde pública das persoas integrantes das direccións educativas”, ademais de desobedecer o artigo noveno do decreto que declara o estado de alarma.

"Estase a vulnerar o dereito á saúde pública das persoas integrantes das direccións educativas".

Segundo recolle o texto, estabelece a suspensión da "actividade educativa presencial en todos os centros e etapas, ciclos, graos, cursos e niveis de ensino". Tamén "as actividades educativas ou de formación impartidas noutros centros públicos ou privados". "Durante o período de suspensión manteranse as actividades educativas a través das modalidades a distancia e en liña, sempre que resulte posible", conclúe.

Por todo isto, desde CCOO tamén animan a denunciar a apertura das escolas e a permanencia nos centros de persoal directivo a todos os territorios afectados.

Dimisión

De forma máis concreta, na Galiza, a CIG-Ensino avanzou que lles vai propoñer ás direccións obrigadas a saír da casa “que presenten a súa dimisión como medida de presión fronte ao sen sentido e á irresponsabilidade da Consellaría que, en lugar de rectificar e velar pola seguridade sanitaria do seu persoal, se enroca na súa decisión sen dar ningún tipo de xustificación”.