A telemedicina paira sobre os PAC

As consultas telemáticas consolidáronse, coa Covid, nos centros de saúde de Atención Primaria (Foto: Xunta da Galiza).
Medicina a distancia no canto de gardas presenciais nas urxencias de Atención Primaria. A proposta parte da Consellaría de Sanidade, que a semana pasada defendeu a necesidade de avanzar en "servizos de atención continuada en remoto" ante a dificultade de manter a longo prazo as gardas físicas. 

O debate sobre o incremento da telemedicina na Galiza non cesa. A crise sanitaria provocada pola pandemia da Covid foi a primeira en mover os marcos da accesibilidade á atención primaria, un dos alicerces do nivel asistencial máis básico do sistema público de saúde. Tras reducir ao mínimo as consultas presenciais durante os meses críticos do coronavirus, a Xunta restabeleceu o pasado mes de setembro o acceso de doentes aos centros de saúde co obxectivo de alcanzar 60% de atención presencial.

Medio ano despois, desde a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública aseguran a Nós Diario que, de media, 70% das axendas diarias do persoal médico resólvese por teléfono. "A xente aínda ten medo e o Sergas non axuda", afirman.

O modelo telemático chegou para quedar nun momento en que a Covid agravou a sobrecarga asistencial e fixo máis evidente a falta de persoal. De feito, a escaseza de profesionais e a necesidade de reter ese talento na Galiza, atópanse entre os argumentos empregados polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, durante a súa participación na sesión 'Innovación no cambio de modelo', dentro do ciclo 'Transformacións e melloras do sistema de saúde' a pasada sexta feira.

Comesaña afirmou nese foro que "o modelo de atención de garda con presenza física, posibelmente non o podemos manter" polo que propón avanzar en "servizos de atención continuada en remoto". Neste sentido, salientou a vantaxe de contar con "pacientes, dispositivos e profesionais dixitalizados" como acicate para "dar  mellores servizos e mellor calidade na atención aos pacientes".

A extensión da telemedicina afectará, neste suposto, as consultas de urxencia dos Puntos de Atención Continuada (PAC). "Coa desculpa da mellora sanitaria, están dándolle forma a algo que vai  ser outro pau no desmantelamento da Atención Primaria, para engorde da privada, prescindindo das gardas presenciais", sinalan desde a entidade para a defensa da sanidade pública, a falta de máis detalles.

Servizo complementario

En vez de solucionar os problemas a través das conclusión do Consello Técnico de Atención Primaria, di Xosé María Dios, o que promoven son "unha serie de ocorrencias que son un despropósito: a contratación de médicos xubilados, de facultativos sen especialidade, o feche de centros de saúde e de servizos". 

O servizo remoto de atención continuada existe e funcionan desde hai tempo. Contribúe fundamentalmente ao intercambio de coñecemento entre especialistas de distintos centros e áreas sanitarias, o que amplía, remarca o Sergas, "a capacidade diagnóstica" do servizo público. Esa función é chave, mais debe ser complementaria e non a escusa para desmantelar un servizo de consultas urxentes e presenciais como os PAC. "Cando ten unha urxencia, o doente o que quere é ser atendido por persoal sanitario, sexa médico, enfermeiro ou traballador social, conclúe Dios.

Máis recursos, non menos

Desde a Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria, Jesús Sueiro pon en valor a utilidade das consultas telefónicas e alude ao servizo sanitario de urxencias 061. "Funciona". O que hai que entender, di, "é que son un filtro, un medio de triaxe necesario para saber que paciente se poden atender de forma telemática e cales de forma presencial. Mais un dispositivos de atención telefónica é un dispositivo de atención asistencial".

Pola súa experiencia , a consulta telefónica na Atención Primaria incrementou a demanda. "Hai máis consultas e a queixa habitual das usuarias é que non conseguen cita, porque os recursos son os mesmos". Cando se monta un sistema novo "non se valora esa necesidade", censura, polo que advirte de non caer na trampa de crer que "a dixitalización dos PAC vai permitir aforrar efectivos". Ao contrario, "deberían aumentar os recursos sanitarios e de administración, tamén porque moitas consultas precisarán unha valoración presencial", resolve.