Mobilidade

As "eternas eivas" do transporte público na Costa da Morte: até tres horas de Fisterra a Santiago

Parada de autobuses en Fisterra. (Foto: Nós Diario)
Ante a ausencia de ferrocarrís ou un servizo por mar, coller un autobús é a única opción de transporte público que ten a veciñanza da Costa da Morte para desprazarse entre os poboacións da zona, ou até A Coruña e Santiago de Compostela. Porén, soportan unha serie de deficiencias que as empresas concesionarias, Monbus e Arriva, non foron capaces de solucionar nas últimas décadas. O colectivo de estudantes é un dos principais afectados, e xa houbo mobilizacións das nais e pais do alumnado.

Rutas, frecuencia de horarios e tardanza nas viaxes son as principais eivas do transporte público por estrada na Costa da Morte. Os usuarios dos municipios do sur desta zona, como Fisterra, Corcubión, Cee ou Dumbría (os catro na comarca de Fisterra), para viaxar a Compostela -en Monbus- tardan case tres horas no autobús facendo ruta por Muros e Noia. Un particular nun vehículo privado adoitar tardar arredor dunha hora para facer ese traxecto.

Anos atrás, con Transportes Finisterre como empresa concesionaria, o itinerario até a capital galega era máis directo e pasaba por Vimianzo e Zas (Terra de Soneira). Porén, a tardanza en completalo era a mesma que na actualidade, debido ás múltiples paradas que o bus fai no camiño. Na ruta até A Coruña, realizada pola compañía Arriva, os problemas son moi semellantes: escasa frecuencia de horarios e paradas continuas que fan que a viaxe se alongue até máis de dúas horas, o dobre que en coche privado. Para desprazamentos entre municipios da comarca só existen rutas entre algún deles e non hai liñas regulares que conecten todos. 

Existen casos de persoas de Camariñas (Terra de Soneira), Muxía (comarca de Fisterra) e Laxe (Bergantiños) que teñen que acudir ao Hospital Comarcal Virxe da Xunqueira, situado en Cee, e non poden facelo no transporte público. Ben por falta de rutas ou porque os horarios non son axeitados. As empresas concesionarias non son quen de dar solución a esta problemática que se alonga no tempo. Os resultados económicos das compañías adoitan priorizarse sobre a calidade do servizo.

Transporte de estudantes

Se hai un colectivo afectado polos problemas no trasporte público é o estudantil. O alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria que vive en Fisterra ten que ir de pé no autobús até Cee, na liña regular da compañía Arriva, para chegar aos centros educativos nos que estudan. Hai máis demanda que oferta por parte da empresa de transportes, que ten asinado un contrato coa Consellería de Educación para o traslado dos estudantes, mais non ofrece solución ao problema.

Os horarios que marcan as empresas de transporte tampouco xogan a favor. Aos alumnos do instituto Agra de Raíces de Cee non lles dá tempo de chegar á parada ao rematar as clases, polo que deben saír uns minutos antes. A principio de curso deixábanos nas paradas por falta de asentos. Desde o mes pasado a alternativa é que vaian de pé. As asociacións de nais e pais de alumnos fan fincapé na falta de seguridade, pois trátase de traxectos nos que abondan as curvas.

Máis complicado é para o alumnado do ciclo Sistemas Microinformáticos no IES Maximino Romero de Baio, no concello de Zas. O autobús que vén da zona de Carballo chega a Baio ás 9.15, media hora despois do inicio das clases, que comezan ás 8.45. Iso supón que a rapazada que utiliza o transporte público teña que utilizar o recreo para recuperar o tempo lectivo perdido. 

Mobilizacións

Ante esta problemática , nais e pais de alumnos dos institutos Fernando Blanco e Agra de Raíces, de Cee, realizaron varias concentracións na vila o mes pasado, cortando o tráfico na estrada AC-550 durante varios minutos, e reclamaron “un transporte digno e seguro” para o estudantado.

A Federación de ANPAs da Costa da Morte sinala que priman “os intereses das empresas de transporte por riba das necesidades da cidadanía”, e informa de que o pasado 5 de decembro tivo lugar unha reunión coa Xefatura Territorial de Mobilidade da Xunta. Desta xuntanza saíu o compromiso da Administración de estudar e revisar os informes que visibilizan as realidades que sofren os estudantes e as estudantes para acudir aos centros de estudo.