O Sermos Galiza deste sábado 25 de xullo ofrece ás lectoras e aos lectores un número especial de 48 páxinas co ollar posto no Día da Patria Galega, un convite aberto e plural para tecermos a identidade galega de forma conxunta, desde as súas raíces até a actualidade, da man de especialistas en historia, música, etnografía, mitoloxía, feminismos e moito máis.
“Na fronte unha estrela, no bico un cantar”, eis a maxia que reúne ano tras ano a celebración do Día da Patria Galega, festexada desde que as Irmandades da Fala puxeron a primeira pedra. E é que foi en 1920 cando se celebrou por primeira vez o día da nación galega, unha convocatoria acordada durante a II asemblea nacionalista a fins de 1919 que rapidamente se consolidou. Este 2020 fanse 100 anos desa primeira xuntanza e Sermos Galiza recupera as orixes e os primeiros pasos desta data, non exenta de polémica, que fixo do 25 de xullo, o día de Santiago, a festividade que reivindica a Galiza. Este percurso será guiado polo historiador Xosé Ramón Ermida Meilán, quen nos mostrará como decorreu esa primeira celebración mediante testemuños da época e fotografías históricas.
O escritor e experto en etnografía Antonio Reigosa debulla o imaxinario e a identidade popular da cultura galega, “a esencia que amalgama e pon criterio”. Desde o pensamento máxico, esa mestura do racional e imaxinario, do real e o sobrenatural que caracterizan os rituais, até as narrativas tradicionais sobre mouros, mouras, encantos, tesouros e seres máxicos, deuses... toda unha mitoloxía popular que non fai máis que enriquecer de forma transversal a cultura e identidades do pobo galego, desde a propia xeografía, a toponimia, até a figura da máxica santa compaña, da mitoloxía arredor da morte, dos agoiros... E tamén do marabilloso. E é que todo isto non é máis que a procura incansábel, o instinto que persegue o pobo porque “precisamos crer, imaxinar, soñar” lugares de encontro.
Unha conversa a fondo entre o profesor e historiador Xoán Carlos Garrido e o filósofo e escritor Manuel Cabada Castro engade máis atractivos ao Sermos Galiza especial Día da Patria Galega. O autor de A rapa das bestas de Sabucedo lembra en que momento tomou conciencia de ser galego, fóra do fogar e nunha época onde a identidade galega lle era negada, oculta e prohibida. Alén desta parte máis íntima do seu sentir, Manuel Cabada explica as pesquisas que o levaron a rastrexar a galeguidade de Cervantes, que denomina “humus galaico”, unha interesante reflexión sobre as chamadas “identidades colectivas”, unha tese mediante a cal Cabada atopa “pegadas” de “cultura” galega no Quixote de Cervantes.
A xornalista e especialista en música Irene Pin mergúllase na identidade cultural a través desta disciplina que, como tantas outras manifestacións nas que a palabra non ten por que adoptar o rol central, esperta preguntas complexas e por veces mesmo controvertidas. Que factores nos levan a estabelecela? Que podemos chamar musica galega? É a lingua un elemento determinante? Que papel desenvolveu e cal aspiramos que xogue no futuro? Son estas interrogacións fluídas que flotan nun mundo de identidades líquidas, por veces case -cando menos, en teoría- evaporadas nas dinámicas do global ou nas hibridacións aceleradas, para as que a diversidade de respostas incita máis a reflexión que latexa no múltiple, para axudarnos a entender quen somos e por que, ou se cadra máis importante, cara a onde queremos encarreirar o mañá.
Pola súa banda, o profesor da USC Rubén C. Lois González pousa o ollar na demografía para reivindicar o estudo e coñecemento da poboación á hora de elaborar, entre outras cuestións, previsións arredor da dotación de servizos públicos. Mediante unha análise pausada Lois González explica cal é a situación actual da demografía na Galiza, achega un breve repaso histórico e explica por que é esta cuestión un problema a día de hoxe na sociedade galega, tremendamente avellentada e cunha densidade poboacional que decrece ano tras ano, cales son as causas e cal pode ser unha posíbel folla de ruta para reverter a situación actual con políticas demográficas reais.
Lupe Ces, mestra e activista social, ofrécenos un depoimento que se centra na situación do feminismo galego, desde os seus primeiros pasos até os que fican por dar. Ces dá conta de como o feminismo na Galiza foi agromando desde a cultura de base até as Universidades, de forma transversal, até lograr un movemento con características propias que aflorou nas mobilizacións que tomaron o país a principios de século ou das redes CIM que se espallan ao longo do territorio galego, e que se consolidaron nos últimos 8-M. A activista tamén se centra na importancia de aplicar políticas feministas.
Alén desta achega especial co gallo dos 100 anos do Día da Patria Galega e, como en cada número, o semanario acolle as novidades máis destacadas do panorama cultural e publica as críticas literarias de Mario Regueira e Xulio Carballo, a música que nos trae Olga Brañas e Celia Eiras, un repaso polo mellor cinema da man de Andrés Castro, as curiosidades arredor do mundo do deseño da man de Pepe Barro mais a arquitectura de Lázaro Armental, mentres que o colectivo Xea continúa coa súa andaina pola costa galega, un traxecto que ocupa máis de 2.000 km con paraxes naturais e patrimoniais que fan do litoral galego un atractivo imperdíbel neste tempo de estío. Para pechar o número teremos os sempre interesantes pasatempos da man de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.
Todo isto e moito máis o sábado nos quiosques e na loxa, con Nós Diario, por tan só 3 euros.