Turismo

Canto pagaría nunha pensión? E nun hotel? Así é a taxa turística que propón o Concello de Santiago

Posto de 'souvenirs' na praza da Quintana, en Compostela, ateigada de turistas. (Foto: Nós Diario)
As arcas municipais poderían recibir unha inxección próxima aos tres millóns de euros coa aplicación deste gravame.

Un debate paira desde hai anos sobre a capital da Galiza: a implantación dunha taxa turística a imaxe e semellanza da que xa se aplica noutras cidades europeas como Palma de Mallorca, Porto, Milán ou grandes capitais como Lisboa, París, Berlín ou Roma. O Concello de Santiago vén de remitir a súa proposta ao Goberno galego, incluíndo un exhaustivo informe no que se recollen os supostos nos que se aplicaría e unha suxestión de proxecto de lei do imposto sobre estancias turísticas en estabelecementos da Galiza.

O informe foi elaborado polo catedrático de Dereito Financeiro e Tributario da Universidade de Santiago César García Novoa para o Concello, e está baseado no xa elaborado por este mesmo investigador para o anterior Goberno local, presidido por Xosé Sánchez Bugallo, mais agora actualizado a data do 1 de agosto de 2023.

Segundo recolle o texto, a cantidade a abonar por persoa e día varía en función do tipo de aloxamento e a súa categoría, pois o citado estudo entende que non é o mesmo pernoctar nun hotel de cinco estrelas que nun albergue. Aliás, o máximo para abonar por un turista será o equivalente a seis días, aínda que se aloxe durante máis tempo. A relación de custos deste gravame sería, pois, a seguinte:

  • Pensións, hostais, cámpings, albergues e apartamentos turísticos estándar: 0,5 euros.
  • Hoteis dunha, dúas ou tres estrelas: 1 euro.
  • Apartamentos turísticos superior, portos deportivos e cruceiros: 1,5 euros.
  • Hoteis e balnearios de tres estrelas superior ou catro estrelas: 2 euros.
  • Hoteis de cinco estrelas: 2,5 euros.

Quedan excluídas desta estancias turísticas, porén, as que se teñen que realizar por causa maior, é dicir, derivadas de situacións de emerxencia. E nesta listaxe de motivos que evitarían o pagamento da taxa turística atópanse motivos de saúde, laborais, académicos ou competicións deportivas, entre outras. Tampouco deberán abonar o gravame as persoas menores de 18 anos e as persoas cun grao de discapacidade igual ou superior a 66%, entre outros supostos.

Os ingresos derivados do imposto irán ao Fondo para a Promoción do Turismo da Galiza, do que serán destinarios os municipios de especial impacto turístico que acorden exixir o imposto, como é o caso de Santiago. Así, proponse que este imposto só se aplique nos municipios declarados de grande impacto turístico, quer  durante todo o ano quer de forma estacional.

Esta declaración corresponderá a Turismo da Galiza, que se encargará de fixar os períodos de tempo con esta condición. Iso si, a iniciativa para tal declaración "corresponderalle en exclusiva ao municipio afectado", que deberá asinar un convenio coa Axencia Tributaria Galega.

Con base no dato de pernoctacións de 2022, arredor de 1,5 millóns, e pondo unha taxa promedio de 1,75 euros, o informe conclúe que se poderían recadar máis de 2,5 millóns de euros cada ano —se ben habería que ter en conta os supostos recollidos polo Concello nos que se eludiría o pagamento do tributo, como o caso das crianzas—. Mais, en calquera caso, serían uns ingresos millonarios para as arcas municipais.