A taxa de pobreza dispárase no último ano na Galiza e supera a media estatal

15% das galegas e galegos non pode permitirse unha comida de carne ou peixe cada dous días (Foto: Marta Fernández / Europa Press).
Segundo o último informe de EAPN-Galiza, unha de cada dez persoas está nunha situación de pobreza severa na Galiza. As carencias económicas, provocadas pola "falta de vivendas dignas e accesíbeis", agrávanse entre as mulleres e as persoas maiores. Ademais, 53% das pensións están por baixo do limiar de pobreza.

A Rede Galega contra a Pobreza (EAPN-Galiza, en inglés) vén de publicar o informe O Estado da pobreza na Galiza 2021, un estudo de carácter anual que analiza o grao de cumprimento da Estratexia Europa 2020 —que instaba a reducir en 25% a poboación en risco de exclusión social de cara ao pasado ano— e dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel (ODS) asumidos en 2015 —diminuír á metade a proporción de persoas que viven na pobreza en 2030—.

Segundo o devandito informe, 25,7% da poboación galega estaba en risco de pobreza ou exclusión social —a denominada taxa Arope— en 2020, isto é, 1,4 puntos máis que o ano anterior. Trátase do rexistro máis elevado da última década, xunto co de 2015.

"Quen traballamos nas entidades do terceiro sector sabemos que estes números son realidades que se viven a diario e que intentamos paliar. O que evidencia o informe é que as persoas que sufriron a crise económica de 2008 non chegaron a recuperarse nunca, e isto púxoo de manifesto a pandemia malia que xa o viñamos advertindo nos últimos anos. A este ritmo non imos cumprir os ODS de 2030", sinala a Nós Diario o vicepresidente de EAPN-Galiza, Daniel Bóveda, quen cualifica as cifras de "frustrantes".

O pasado ano tamén medrou de forma significativa a taxa de pobreza da Galiza até 22,1% —dous puntos máis que en 2019—, un dato que supera a media estatal —21%— por primeira vez en dez anos. Deste modo, case 600.000 persoas sofren unha situación de pobreza, o que supón un de cada cinco galegos e galegas.

Con todo, Bóveda matiza que a pandemia non é a única causa destes rexistros, xa que se trata dunha situación que "vén de lonxe". "É evidente que a crise sanitaria influíu, mais, por desgraza, non nos sorprenderon os datos porque eran os que agardabamos", di.

Incapacidade de afrontar gastos imprevistos

Desde a Rede Galega contra a Pobreza poñen o foco no aumento do prezo do alugueiro e a falta de vivendas "dignas e accesíbeis", algo "esencial" para loitar contra a exclusión social. "A Consellaría de Política Social soubo actuar neste tempo de emerxencia sanitaria e a interlocución connosco foi boa; porén, para lograr a recuperación das persoas que sufriron a crise non abonda con axudar nos casos máis extremos. Precisamos un investimento social estrutural que aborde os problemas da vivenda, a sanidade, a educación... En definitiva, garantir os piares do estado do benestar", sostén Daniel Bóveda, quen malia "celebrar" medidas sociais coma o Ingreso Mínimo Vital lembra que o investimento debe ser "transversal" e producirse "en todas as áreas" para atallar o problema.

De feito, o informe publicado onte evidencia que o 28% das galegas e galegos non ten capacidade para afrontar gastos imprevistos, ao tempo que o 15% non se pode permitir unha comida de carne vermella, polo ou peixe cada dous días.

Medra a pobreza severa

Aliás, 9,4% da poboación da Galiza sofre actualmente pobreza severa, isto é, que unha persoa que vive soa debe sobrevivir con menos de 535 euros mensuais; 1.123 no caso dunha familia con dous adultos e dous menores de idade ao seu cargo. Esta taxa subiu 1,5 puntos a respecto de 2019 e practicamente iguala a media estatal (9,5%).

"Feminización" da precariedade

Malia que nos últimos anos tense revertido a situación de forma notábel, os últimos rexistros indican que a laceira segue a afectar as mulleres en maior medida: 52,3% das persoas en situación de pobreza fronte a 47,7% de homes. Aliás, a taxa feminina incrementouse en 2,3 puntos no último ano, mentres a masculina subiu 1,8.

"Os datos evidencian unha realidade. As familias 'monomarentais' teñen un maior risco de exclusión social, xa que moitas mulleres deben saír adiante soas, co que isto implica a nivel de conciliación, de coidados...", salienta o vicepresidente de EAPN-Galiza.

52,8% das pensións, por baixo do limiar de pobreza

As persoas maiores tamén son especialmente vulnerábeis. En 2020, 46,2% das pensións por xubilación estaban por baixo do limiar de pobreza —688 euros mensuais, en 14 pagas—, e 15,7% deixaban as persoas beneficiarias en situación de pobreza severa —menos de 458 euros—.

"Outro gran reto que temos como sociedade é o coidado, en maiúsculas, das persoas maiores. Mais non só é preocupante a carencia económica, senón que moitos fogares dependen desas pensións", apunta Bóveda.

Así mesmo, 52,8% das pensións no seu conxunto —por incapacidade permanente, xubilación, viuvez, orfandade ou favor familiar— fica por baixo do limiar de pobreza relativa.

Convenio de colaboración coa Valedora do Pobo

Mañá conmemórase o Día Internacional para a Erradicación da Pobreza, e, con motivo desta data, EAPN-Galiza asinará na segunda feira un convenio de colaboración coa Valedora do Pobo a fin de "facilitar a procura de solucións ás necesidades das persoas máis desfavorecidas" e desenvolver accións conxuntas.

Combater os estigmas e o odio

Daniel Bóveda advirte un incremento dos "discursos do odio" e os "estigmas" cara as persoas en risco de exclusión social: "É unha realidade que xa estaba aí, pero agora fai moito máis ruído. Tristemente hai representantes políticos que aproveitan unha situación de vulnerabilidade para difundir noticias falsas, criminalizar e estigmatizar unhas persoas que xa teñen problemas abondo", lamenta.

O vicepresidente de EAPN-Galiza considera que se están a incrementar os delitos de odio "contra todos os colectivos, desde as persoas migrantes ás LGBT", mais tamén, a nivel particular, contra a xente con graves carencias materiais: "O termo aporofobia xa non nos resulta descoñecido, porque por desgraza cada vez se utiliza máis", afirma.